Vence considera ''absolutamente impresentable'' a carta de Feijóo a Besteiro

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, considera "absolutamente impresentable" a carta que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remitiu onte ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, onde lle expresa a súa disposición ao diálogo con todos os grupos respecto da reforma electoral.

En declaracións aos medios en Vigo, Vence subliñou que Feijóo "non busca que haxa propostas dos demais", senón que, pola contra, pretende "aplicar de forma unilateral" unha redución do número de deputados no Parlamento de Galicia. Fixo fincapé en que o BNG xa fixo e rexistrou a súa proposta sobre reforma electoral, que busca "a proporcionalidade e unha representatividade real", e insistiu en que "pase o que pase, opinen o que opinen os demais", o PP seguirá adiante coa súa iniciativa.

O líder nacionalista salientou que buscar un sistema electoral "máis democrático, proporcional e respectuoso co que votan os galegos" é o que "debería unir a todos os grupos da oposición" para confrontar a reforma que impulsa o PP, e ese é o tenor das conversacións iniciadas.

Vence fixo votos por que os partidos da oposición fagan unha fronte común e sexan "capaces de defender a integridade dun Parlamento con competencias, comprometido coa resolución dos problemas e non amordazado, reducido e minguado, como quere o PP".

Comentarios