Vecinos de Piquín aínda continúan sen auga tras queimar o lume as tubaxes

Vista del pueblo de Vilarpescozo, tras el incendio (Foto: Teófilo López)
photo_camera Vista del pueblo de Vilarpescozo, tras el incendio (Foto: Teófilo López)

Os veciños dos pobos de Ribeira de Piquín afectados o incendio rexistrado o pasado domingo superaron xa o horror das chamas, pero agora aínda sofren en silencio as secuelas dun desastre de primeira magnitude que arrasou máis de 300 hectáreas de terreo -250 de plantacións forestais- e variou por completo a paisaxe dun singular enclave natural, ademais danar servizos básicos e de primeira necesidade para os veciños, talles como son as canalizacións das traídas que abastecen de auga os fogares, moitos dos cales aínda seguen sen abastecemento desde o domingo.

«Na Ribeira de Piquín non temos rede de agua municipal, senón que todo son traídas particulares», comentaba onte un veciño de Vilarpescozo, pouco logo de completar a renovación das tubaxes que levan a auga ata a súa casa. «Aquí a maioría dos veciños temos traída propia, pero como as tuberías veñen polo monte, nas zonas afectadas polo incendio, o lume tamén queimou e derreteu as canalizacións, polo que temos que reparalas», explica Óscar García.

Esta situación de falta de abastecemento en domicilios foi pouco menos que xeneralizada nas horas posteriores ao incendio nos núcleos de Vilarpescozo, Os Cangos e Cabaceira, que foron as poboacións máis afectadas polas chamas e nas que onte aínda había veciños que non lograran restablecer a subministración.

«A situación agora é complicada, sobre todo porque a poboación está moi envellecida e tampouco temos ningún tipo de axuda», sinala este veciño, quen tamén se mostrou moi crítico tanto coa organización como coa escaseza de medios habilitados para a extinción do lume.

«Fálase que había unha ducia de motobombas, pero eu non as vín», sentencia este afectado, que pelexou contra o lume durante case doce horas para evitar que as chamas arrasasen a Casa do Cabo de Vilarpescozo.

«Ao final logramos salvar a casa, pero foi gracias ao noso traballo», agregou García, quen tamén destacou o gran atrevemento e o esforzo realizado polos efectivos de Protección Civil de Meira, así como polos dous efectivos do parque comarcal de bombeiros de Vilalba que acudiron ao lugar axiña que como foron reclamados. Outro dos agradecementos manifestado por este veciño de Vilarpescozo é para Pepe de Seixosmil, que, «nada máis ver o lume non dubidou en cargar unha cisterna con 10.000 litros de agua e vir desde a súa casa ata Vilarpescozo -13 kilómetros- para axudar a sofocar unhas lapas que non se podían apagar con auga».

Contrariado e aínda en tensión polos momentos de perigo xa superados, este veciño de Vilarpescozo, do mesmo xeito que o resto de veciños e parentes que colaboraron na extinción do lume que ameazaba a Casa do Cabo, mostrouse moi crítico cun dos axentes forestais desprazados ata o lugar que mantivo unha pequena liorta cos veciños.

«O comportamento desta persoa é inxustificable, polo que todos os que estabamos alí barallamos emprender accións legais contra el pola súa actitude case que insultante e por unha absoluta falta de humanidade».

«Diante dunha casa que está a piques de ser pasto das lapas, ninguén pode dicir que a vivenda non lle importa, porque non é súa ou que o seu horario de traballo xa rematou, porque isto non pode entenderse máis que como insultos», sentenciou este veciño.

Comentarios