Vecinos de Monterroso organizan unha festa pola vitoria electoral de Otero

Será o día 13 na Cúpula, logo da toma de posesión da nova corporación
Un grupo de vecinos rodea a Otero tras su victoria del 24-M
photo_camera Un grupo de vecinos rodea a Otero tras su victoria del 24-M

O que ía ser unha cea privada entre os membros da lista independente de Monterroso para celebrar a súa vitoria electoral nos comicios do pasado 24 de maio, transformouse nunha festa popular, debido á avalancha de peticións de veciños para poder participar na homenaxe que se renderá a Jesús Otero o próximo día 13 na Cúpula, xusto despois de que tome posesión do seu cargo como alcalde para os próximos catro anos.

Isabel García, unha dos promotores da iniciativa, sinala que todo xurdiu de forma espontánea, "cando os veciños se decataron de que os candidatos do grupo independente iamos organizar unha cea para celebrar o nomeamento de Otero como alcalde, moitos deles manifestáronnos o seu interese de participar na mesma, polo que decidimos abrir a convocatoria a todos eles".

De momento, os organizadores repartiron por todos os locais de hostalería do municipio unhas 500 participacións, que están á venda por un prezo de 20 euros.

Os organizadores puxeron á venda 500 entradas, que poden adquirirse nos bares da localidade por 20 euros

"Trátase dunha celebración totalmente popular. O prezo de cada invitación inclúe a cea, que será a base de empanada, polbo, carne ao caldeiro e sobremesa, e tamén se contratarán un grupo musical que amenizará o baile que terá lugar a continuación", explica García.

As vendas das entradas marchan a bo ritmo, segundo asegura esta veciña, quen confía en que se vendan practicamente a totalidade das mesmas.

A festa iniciarase o vindeiro sábado 13, ao redor das 22.00 horas, "unha vez que acabe o acto de toma de posesión da nova corporación municipal e no que Jesús Otero será nomeado alcalde para os próximos catro anos", indica García.

Pero, ademais, con esta iniciativa os veciños pretenden recuperar os festexos de San Antonio, que aínda que contan cunha longa tradición na vila, levan varios anos sen celebrarse. "É unha forma de recuperar esta celebración, á que intentaremos darlle continuidade", asegura.

Jesús Otero, que este xoves se atopaba gozando dunha viaxe por Cantabria, mostrou o seu agradecemento por "esta mostra espontánea de agarimo".

O futuro alcalde de Monterroso destacou, neste sentido, as numerosas chamadas que recibiu estes días para felicitalo pola súa vitoria do pasado 24 de maio, un triunfo que lle permitirá acceder á alcaldía monterrosina para substituír no cargo ao que fora o seu compañeiro de filas no PSOE e alcalde da vila durante os últimos 16 anos, Antonio Gato.

Comentarios