Vecinos de Castro de Rei denuncian a morte de troitas no Azúmara

A aparición de peixes mortos, especialmente troitas, na canle fluvial do río Azúmara deparou as queixas dalgúns veciños deste municipio chairego, que, tras mostrarse sorprendidos pola continua presenza de peixes mortos na superficie das augas fluviais durante o último mes, cren que esta anómala situación podería deberse a posibles verteduras incontroladas dalgunhas explotacións agropecuarias situadas nas proximidades da canle fluvial.

«Esta situación nunca se deu no Azúmara, que antes era un río moi troiteiro, aínda que cada vez ten menos pezas», comentan algúns pescadores da zona, os mesmos que explican que a aparición de exemplares mortos prodúcese ao longo de todo o tramo da canle fluvial ata a desembocadura do Azúmara no Miño, na parroquia de Bazar.

Os pescadores atribúen esta masiva mortaldade de troitas a posibles verteduras á canle fluvial, xa que descartan que estas mortes poidan obedecer á incursión de furtivos que actúen con descargas eléctricas.

«A min chámame moito a atención que só aparezan mortas troitas, porque neste río tamén hai outros peixes, pero non se ve ningún morto», sostén un pescador habitual do Azúmara, que urxe algún tipo de control por parte das administracións competentes na materia, a fin de evitar este tipo de situacións que responden a actuacións neglixentes contrarias ao medio ambiente.

Comentarios