Cinco mortos e oito feridos nun tiroteo en Florida

O presunto autor dos disparos é un exmilitar de orixe portorriqueña de 26 anos

O exmilitar Esteban Santiago Ruiz, un mozo de 26 anos nacido en Nova Jersey, é o home sinalado polo senador por Florida Bill Nelson como o presunto autor do ataque ocorrido este venres no aeroporto de Fort Lauderdale (Florida) e que acabou coa vida de cinco persoas.

Aínda que as autoridades policiais non revelaron a identidade da persoa que ás 12.55 hora local (17.55 GMT) abriu fogo na zona de recollida de equipaxes da terminal 2 deste aeródromo, e que feriu ademais a 8 persoas, é o nome que xa manexan todos os medios.

Nelson indicou que fontes oficiais lle informaron que o hispano portaba unha identificación militar, aínda que se descoñece aínda se podería pertencer a outra persoa.

Algúns medios sinalaron que o presunto atacante é de orixe portorriqueña, que foi membro da Garda Nacional e estivo destacado un ano en Iraq.

O irmán do sospeitoso, Bryan Santiago, declarou a NBC News que o presunto atacante creceu en Porto Rico, onde serviu na Garda Nacional, logo foi destacado en Iraq e posteriormente mudouse a Alaska, onde traballou como garda de seguridade.

"Era unha persoa normal, espiritual, unha boa persoa", manifestou o irmán, quen revelou que Esteban Santiago sufría desordes postraumáticos tras a súa experiencia en Iraq.

A canle CBS sinalou que en 2011 e 2012 Santiago foi investigado por pornografía infantil, aínda que non houbo evidencia suficiente para acusalo, e que en novembro de 2016 entrou nunha oficina da FBI en Anchorage (Alaska) e dixo que estaba a ser obrigado a enrolarse nas filas do Estado Islámico (EI).

Santiago voaría cara a Fort Lauderdale, a 40 quilómetros ao norte de Miami, procedente de Minneapolis.

Air Canada e Delta Airlines, as dúas aeroliñas que ocupan a terminal 2 do aeroporto na que se produciu o tiroteo, sinalaron que non teñen nos seus rexistros un pasaxeiro co nome de Esteban Santiago Ruiz.

Testemuñas presenciais indicaron que o sospeitoso voou hoxe ao sur de Florida e, logo de recoller a súa maleta, foi ao baño, onde extraeu a arma que facturara, regresou á zona de equipaxes e comezou a disparar.

Nunha rolda de prensa ofrecida este venres, as autoridades federais e locais declinaron revelar a identidade do autor do ataque, quen foi detido sen incidentes pouco despois do ataque, así como da arma utilizada.

Scott Israel, alguacil do condado de Broward, onde se asenta o aeródromo, dixo este venres que é "demasiado pronto" para saber se o tiroteo é un acto de terrorismo e que é interrogado por axentes do Buró Federal de Investigación (FBI) e do departamento de homicidios de Broward para establecer o "motivo" do tiroteo.

Mark Lea, unha testemuña do suceso, declarou á cadea MSNBC que o atacante disparou cunha pistola de 9 milímetros ata que acabou as súas municións.

Outra testemuña, John Schicher, manifestou que os disparos foron aleatorios e que as persoas se tiraron ao chan no medio do pánico.

Nunha rolda de prensa, o gobernador de Florida, Rick Scott, sinalou que entre os feridos hai persoas en estado crítico.

O aeroporto de Fort Lauderdale, que por estas épocas pode recibir ata 100.000 pasaxeiros, permanece pechado e moitas persoas áchanse aínda nas pistas de aterraxe, á espera de que as autoridades policiais levanten a clausura temporal.

Comentarios