TUNISIA. Polo menos 27 mortos nun tiroteo en dous hoteis

O ataque produciuse en Susa, unha localidade turística a beiras do Mediterráneo, horas despois do atentado nunha fábrica en Francia

Polo menos 27 persoas morreron este venres e 36 resultaron feridas nun asalto terrorista contra dous hoteis na localidade turística meridional tunisiana de Susa, informaron a Efe fontes de Seguridade.

Segundo as mesmas fontes, dous homes armados penetraron no interior de ambos os dous hoteis e abriron fogo de forma indiscriminada contra as persoas que se atoparon, entre eles algúns turistas estranxeiros.

Segundo confirmou a Efe o portavoz do ministerio tunisiano do Interior, polo menos 27 persoas morreron polos disparos efectuados polos dous atacantes na praia dos hoteis Imperial Marhaba, da cadea española Riu, e o veciño Soviva. Entre as vítimas mortais hai alemáns, británicos e belgas.

Un dos atacantes resultou morto mentres o segundo foi detido polas forzas de seguridade, segundo informan os medios locais. O sospeitoso foi detido cerca da entrada á autovía A1 en Susa. En canto ao terrorista abatido polas forzas de seguridade, o secretario de Estado de Interior, Rafik Chelly, indicou a Mosaique FM que é un estudiante orixinario de Kairuan.

A cidade de Susa é moi popular entre os turistas ingleses, alemáns e españois polas súas longas praias de area fina branca.

O ataque armado cometeuse ao mediodía pouco antes da principal oración do venres que pecha a primeira semana do mes de xaxún sagrado de Ramadán.

O modo no que foi perpetrado o ataque suxire que poden ser xihadistas, que intentaron acceder ao interior dos hoteis desde a praia, e recordou o estilo do atentado contra o museo nacional de arqueoloxía do Bardo no que morreron 22 persoas, 21 delas estranxeiros, o pasado mes de marzo.

Comentarios