Varela acusa Juárez de ordenar ''apagamento informativo'' sobre lumes

O secretario provincial do PSOE en Lugo, Ricardo Varela, acusou hoxe á Consellería de Medio Rural de dar unha "orde de apagamento informativo" sobre incendios forestais na comunidade galega e aos medios públicos de seguila "inmediatamente".

Varela afirmou que as instrucións do departamento que dirixe Samuel Juárez foron "inmediatamente seguidas pola --Compañía de-- Radio Televisión de Galicia (CRTVG), un ente público que ten a obrigación de manter aos cidadáns informados", censurou.

"O dereito á información é vital na democracia e isto desapareceu en Galicia este verán, porque se están ocultando aos galegos incendios que se producen para que non teñan coñecemento da situación actual e poidan actuar en consecuencia", denunciou.

Ricardo Varela considera un "escándalo" esta política da Xunta, á que acusa de pretender "ocultar" que durante o último ano "retirou fondos de limpeza de montes para os concellos e retirou fondos para as brigadas antiincendios".

Conclúe que isto "provoca que os lumes teñan efectos máis devastadores" porque "non hai a capacidade de resposta" que debería haber se a Xunta mantivese as axudas pactadas cos concellos para a limpeza dos perímetros dos núcleos de poboación.

Comentarios