Valverde logra o bronce nun Mundial que gaña o polaco Kwiatkowski

O polaco Michal Kwiatkowski enfundouse a camisola arcoiris de campión do Mundo mercé a un ataque no último descenso que lle permitiu chegar en solitario por diante do australiano Simon Gerrans e do español Alejandro Valverde, prata e bronce, respectivamente.

Kwiatkowski, de 24 anos, fixo honra ao seu alcume de Tigre do Báltico. O seu equipo traballou todo o día, pero no momento clave soubo dar a poutada sorprendendo a todos os seus rivais, que xa non lle puideron dar alcance. Bastou un ataque a 5 quilómetros de meta, na baixada do Miradoiro.

Por detrás perseguírono os favoritos, con Valverde entre eles, pero Kwiatkowski abrazou a gloria por diante do australiano Simon Gerrans e de Valverde, de 34 anos, quen sumou a súa sexta medalla, a terceira consecutiva de bronce.

A loita polo ouro empezou con intensa choiva e moitas precaucións, o que non evitou unha temperá escapada con catro homes: Quintero (Colombia), Kvasina (Croacia), Polivoda (Ucraína) e Savickas (Lituania), que chegaron a ter unha vantaxe de máis de 15 minutos ante a parsimonia do pelotón, que rodaba a marcha cicloturista.

No entanto, a estrada mollada empezou a xogar malas pasadas na terceira volta cunha caída que afectou, entre outros ao vencedor do Tour de Francia, o italiano Vincenzo Nibali, mentres que o canadense Christian Meier tivo que retirarse.

Polonia, nun momento no que se atreveu a saír o sol, levou o peso do pelotón para estabilizar a fuga. Os homes de Kwiatkowoski fixeron un enorme traballo, deixando claro de lonxe que o seu líder quería optar ao ouro, pero foi Italia a encargada de cambiar o rumbo da carreira.

Os italianos despregaron a súa estratexia a 4 voltas do final, en pleno ascenso a Confederación. O grupo empezou a romper ata quedar á fronte 12 homes: Dani Navarro, Kennaugh, Wellens, Tony Martin, Juul Jensen, Trofimov, Boasson, Geschke, Vanmarcke, Albasini, Visconti e Caruso.

Entre todos emerxeu no descenso do Miradoiro o alemán Tony Martin, disposto a realizar unha galopada das súas. O Tanque abriu oco pero non foi lonxe pola reacción de Visconti, quen se uniu nunha fuga perigosa ao británico Peter Kennaugh.

Era como un novo comezo da carreira. Os ataques sucedíanse. Os próximos en intimidar foron De Marchi, Gautier e Andersen e Kiryienka, que empezaron a última volta con 50 segundos de vantaxe. Por detrás moveuse o equipo español con Dani Navarro e Castroviejo, pero o único que saltou de grupo foi Kwiatkowski, quen se uniu ao cuarteto de cabeza. O polaco coroou O Miradoiro e atacou baixando.

Aí xogoulla Kwiato, nunha baixada espectacular, do todo polo todo. Voraz persecución por detrás, con Purito lanzando as súas bazas, pero insuficientes ante o empuxe dos belgas e australianos. Foi Valverde quen se incrustou no grupo que se ía a disputar as medallas secundarias, porque o ouro tiña xa un dono polaco. Catro bronces e 2 pratas para Valverde, seis medallas que constitúen unha marca en Mundiais de fondo na estrada.

Comentarios