UU AA, sobre os camións incendiados: "A xente desesperada, realiza accións desesperadas"

O sindicato desmárcase do suceso pero o xustifica en certa forma pola situación extrema que vive o sector lácteo. O seu portavoz aproveitou ademais para denunciar "a dobre moral" dunha industria que alega que "sobra leite" pero á vez a importa doutros lugares

O portavoz do sindicato Unións Agrarias (UU AA) na Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, Óscar Pouse, desvinculou á súa organización do suceso de Outeiro de Rei, onde a madrugada deste venres arderon tres camións dedicados ao transporte de leite, aínda que recoñeceu que este suceso pode ser consecuencia da "dramática" situación que están a vivir algunhas explotacións.

De feito, expresou o seu desexo de que a Administración "tome nota do sucedido", porque "a xente desesperada, realiza accións desesperadas", e as organizacións sindicais levan "moito tempo" dicindo que a actual situación do sector lácteo galego é insostible.

REXEITAMENTO ÁS IMPORTACIÓNS DE LEITE. Pola súa banda, recordou que a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo está a desenvolver unha campaña "clara" de denuncia da importación de leite foráneo, mediante o seguimento dos camións que entran en Galicia para abastecer ás industrias asentadas na Comunidade Autónoma.

Trátase de denunciar "a dobre moral dunha industria" que, por unha banda di que "sobra leite" e, pola outra, a importa doutros lugares.

Comentarios