UU AA quere que os gandeiros ''non acepten presións'' nin ''asinen contratos de menos dun ano''

O secretario xeral de Unións Agrarias (UU AA), Roberto García, anunciou hoxe que o sindicato fará asembleas cos seus afiliados por toda Galicia para explicarlles as consecuencias da nova lexislación que regula o sector lácteo, coa finalidade de que "non acepten presións" e non asinen "contratos coas industrias por menos dun ano".

En declaracións a EFE, logo de participar nunha rolda de prensa en Lugo, Roberto García indicou que o día 31 de setembro "termínanse a maioría dos contratos paralegais" asinados polas industrias cos produtores lácteos galegos "fraudulentamente", cun período de vixencia "inferior a un ano".

Por iso, engadiu García, será o momento de sentar as bases para un novo modelo da relación coas industrias lácteas, mediante a esixencia de que se cumpra a normativa que regula este sector e que, polo tanto, se formalicen
contratos cun período mínimo de vixencia dun ano.

Ao seu xuízo, é o momento de aproveitar "a situación que se está dando no mercado" para dar estabilidade ao propio sector lácteo, dado que hai "un novo marco de relacións coa industria" e unha importante "recuperación do prezo do leite".

Con respecto ao prezo do leite, recordou que "por primeira vez en moitos anos", os produtores galegos están a cobrar case o mesmo que os demais gandeiros españois, dado que na factura do último mes, de media, a cotización base quedou en Galicia en 34,4 céntimos de euros por litro, mentres que no resto de España ascendeu a 34,6.

Comentarios