UU AA denuncia unha onda de roubos na zona rural de Lugo e Guntín

O sindicato sinala as parroquias afectadas e alerta da necesidade de aumentar a presenza policial para evitar que estes sucesos vaian acompañados de "agresións graves"

O sindicato Unións Agrarias (UU AA) denunciou que unha "nova onda de roubos no rural está a cebarse con moitas das parroquias dos municipios de Lugo e Guntín", polo que "dá a voz de alarma" e pide "máis vixilancia policial".

Segundo este sindicato, víronse afectadas por esta "onda de roubos" as parroquias de "Carballido, Esperante, Calde, Bazar, San Xoán do Campo, Santiago de Saa e Lamas, no concello de Lugo", mentres que no municipio de Guntín a "zona máis castigada" é a do Picato.

"Os veciños denuncian que as forzas de seguridade relaxaron bastante a vixilancia no rural, o que foi aproveitado polos delincuentes para entrar en vivendas, co risco que iso supón destes roubos vaian acompañados de agresións graves", engade o sindicato.

UU AA afirma que esta situación é "realmente insoportable" e esixe das autoridades "que tomen as medidas imprescindibles para garantir a seguridade nas explotacións agrarias".

Comentarios