UU AA convoca unha concentración en Lugo contra a falta de pagamentos de Artesanos de la Carne

O número de afectados ascende a 70, aos que se lles debe case 600.000 euros

Unións Agrarias convocou unha concentración para este xoves (12.00 horas) ante a Delegación da Xunta en Lugo en defensa dos gandeiros afectados pola falta de pagamentos da empresa Artesanos Gallegos de la Carne, situada no polígono industrial de Castro Ribeiras de Lea, no Concello de Castro de Rei.

Segundo o sindicato agrario, o número de gandeiros afectados ascende, como mínimo, a 70, aos que se lles debe case 600.000 euros en total. A mediados de febreiro, un xulgado mercantil declarou en concurso de acredores necesario a esta firma, a instancias dun tratante de gando ao que lle debe máis de 260.000 euros.

Unións Agrarias advertiu de que o peche desta empresa, que se atopaba entre as catro industrias cárnicas de máis volume de Galicia, representa un "problema estrutural" para o sector. Esta situación vese agravada pola caída de prezos entre un 10 e un 15%.

O responsable de Agricultura do sindicato agrario, Xosé Manuel Rodríguez, instou á Xunta de Galicia a implicarse na resolución deste conflito para evitar perdas no sector. Ao seu xuízo, o Goberno galego debe buscar apoios e investidores para reflotar esta industria. Ademais, advirte de que "non sería boa noticia" que se fixese coa sala de despezamento outra das principais industrias cárnicas de Galicia, posto que se crearía "un monopolio".

Comentarios