Uns 4.200 desempregados examínanse para 451 prazas do Lugo Emprega

A Deputación inicia hoxe o proceso de selección das 451 persoas que contratará para traballar en concellos de menos de 5.000 habitantes dentro do plan Lugo Emprega. A estas prazas optan 4.207 desempregados, que desenvolverán varias probas entre hoxe e o día 31 de xaneiro.

O plan Lugo Emprega contempla tamén a contratación doutras 260 persoas para traballar en municipios de máis de 5.000 habitantes, pero neste caso serán os concellos os encargados de realizar o proceso de selección. Neste grupo atópanse os concellos de Burela, Chantada, Foz, Lugo, Monforte, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro.

A Deputación ten previsto que o día 1 de marzo as persoas que superen as probas estean a traballar nos 66 concellos que se uniron ao plan, é dicir, todos os da provincia excepto O Incio, que declinou o ofrecemento.

As persoas que superen o exame tipo test pasarán á segunda fase da selección, consistente nunha entrevista persoal que se realizará na segunda semana de febreiro.

Hoxe, no polideportivo de Viveiro, haberá probas para os aspirantes de Xove, Ourol, Muras e O Vicedo; no salón de formación de Burela examinaranse os de Cervo, Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo e O Valadouro, e no centro de iniciativas turísticas da Pontenova serán as probas de Barreiros, A Pontenova, Trabada e Riotorto.

Os exames continuarán mañá, o sábado e o luns en Lugo, Monterroso, Becerreá, A Fonsagrada e Monforte.

Comentarios