A Unión mostra 25 obras de José Antonio Quiroga

O artista sarrián expón na sociedade cultural unha selección de esculturas, na súa maioría en madeira, realizadas na última década
José Antonio Quiroga, rodeado de algunas de sus obras
photo_camera José Antonio Quiroga, rodeado de algunas de sus obras

O sarrián José Antonio Quiroga Sobrado mostrará na sociedade cultural A Unión, desde o vindeiro martes e ata o día 31 deste mes, unha selección de 25 esculturas realizadas ao longo dos últimos dez anos.

A madeira é o material predominante nestas pezas —nalgúns casos con máis de 200 horas de traballo—, aínda que tamén poderá verse un cadro no que repasa a súa historia vital e unha escultura en ferro creada a partir das dúas rodas dun carro.



A mostra na Unión será especial por tratarse da primeira vez que achega o seu traballo a esta sociedade

"Utilizo madeiras de castiñeiro, carballo, acacia e salgueiro, pero tamén ferro e distintos tipos de pedra, nalgúns casos combinando nunha mesma obra diversos materiais", explica o autor, quen xa participou en exposicións na antiga prisión comarcal, a casa da cultura ou o Centrade de Lugo.

A mostra na Unión será especial por tratarse da primeira vez que achega o seu traballo a esta sociedade, da que José Antonio Quiroga forma parte e onde as súas obras se integran á perfección nos xardíns e baixo a gran lámpada do exterior do edificio.

Tras 25 anos dedicado á hostalería e 15 á construción, este veciño de Betote atopou na escultura unha vocación. Foi hai unha década, cando o seu sogro lle puxo nas mans case por casualidade unha gubia, que daría pé ao nacemento dun artista.

"A partir de aí arranquei", di. E xa non parou. Asistiu aos talleres de talla en madeira de Sarriacanta impartidos por Segundo Martínez Sexto e, tras moitas horas de dedicación, hoxe son xa unhas 70 as obras que garda na súa casa.

Tal acumulación de pezas faille exporse por primeira vez a posibilidade de comezar a vender, por "problemas de espazo" e como "termómetro" para comprobar o grao de aceptación entre o público da que é a súa gran afección.

Para darlle renda solta, José Antonio Quiroga tira de imaxinación e busca na natureza a materia prima, sempre sen tallar árbores e "usando só os que están caídos". "Xa no monte fágolle unha primeira proba para ver se vale ou non, porque quen manda é a madeira e ti tes que adaptarche aos caprichos dela", asegura.

Foi nun deses paseos en busca de troncos e raíces cando José Antonio Quiroga tamén se converteu en noticia ao atopar en Láncara un cogomelo de 40 quilos.

Comentarios