Unha liorta na área recreativa vilalbesa sáldase cun ferido leve

A pelexa produciuse no bar A Magdalena e continuou nas inmediacións, onde se trasladou a Garda Civil e a Policía Local
Guardia Civil y Policía Local acudieron al lugar de la reyerta
photo_camera Guardia Civil y Policía Local acudieron al lugar de la reyerta

A contorna da área recreativa da Magdalena, en Vilalba, que presentaba este domingo unha gran afluencia de veciños e visitantes dadas as boas temperaturas rexistradas durante a tarde, rompeu a súa calma e tranquilidade habitual tras unha liorta entre un grupo de persoas de nacionalidade romanesa, que se saldou cun ferido leve.

O suceso, do que se descoñecen as causas que o orixinaron, aínda que todo apunta a unha pequena discusión, deu comezo no interior do bar A Magdalena, sobre as 18.30 horas da tarde.

A continuación, a pelexa, que algunhas testemuñas cualificaron de «multitudinaria», estendeuse tamén ao exterior do establecemento hostaleiro vilalbés, requirindo a presenza das forzas da orde.

Nese mesmo momento, no estadio municipal da Magdalena, a escasos metros do lugar do incidente, estábase disputado un partido de Terceira División. Os axentes que estaban alí presentes -dúas patrullas da Garda Civil e unha da Policía Local- desprazáronse ata o bar para tranquilizar os ánimos.

Segundo explicaron algunhas testemuñas, na pelexa resultou ferida unha persoa, que recibiu un golpe nun ollo, polo que foi trasladada en ambulancia ata o Punto de Atención Continuada (PAC) de Vilalba, aínda que o seu estado non revestía gravidade.

Unha vez disolta a liorta, a Garda Civil encargouse de tomar declaración aos implicados, aínda que finalmente non se produciu ningunha detención.

Comentarios