O aparcadoiro estará dotado para máis de 90 prazas

A Uned estreará sede no antigo hotel Miño no mes de outubro

As obras terminarán nun prazo de quince días, cando se ultimen o aparcadoiro, o xardín e o mobiliario exterior
Vista exterior del nuevo edificio de la Uned, en el antiguo hotel Miño
photo_camera Vista exterior del nuevo edificio de la Uned, en el antiguo hotel Miño

A Uned iniciará o curso académico en outubro na súa nova sede, o antigo hotel Miño. As obras que leva a cabo a Deputación están xa a piques de concluír e, nun principio, espérase que estean xa finalizadas a mediados de setembro.

Nestes días, espéranse concluír os últimos retoques, especialmente no que se refire ao aspecto exterior. De feito, o que queda por facer é –segundo informou a Deputación– aplicar unha capa de aglomerado en quente no aparcadoiro dado que agora a chaira ten zahorra, plantar o céspede e colocar o mobiliario urbano no exterior, principalmente papeleiras e xardineiras.

O traslado da sede da Uned –actualmente en Augas Férreas– ao antigo hotel Miño foi unha decisión conxunta da Deputación e o Concello, cando estaban á fronte destas institucións José Ramón Gómez Besteiro e José López Orozco.

A idea principal era, con esta iniciativa, dotar de máis vida ao cinto verde do Miño e pór en valor o patrimonio público –dado que o hotel Miño era da Deputación, tras ser adquirido por esta en 1984– dándolle un uso social. Antes de que se decidise instalar alí a Uned, a Asociación Provincial de Hostalería pediu que se aproveitase o edificio para situar alí un centro educativo. A Deputación púxoo a disposición da Xunta, que rexeitou o proxecto.

AFORRO. A nova sede permitirá un aforro de 105.000 euros anuais, o custo anual do aluguer da sede actual. Dotadas das máis modernas instalacións, a nova sede pretende converterse no centro da Uned de referencia no noroeste peninsular dado que, nun principio, está previsto que conte cunhas dotacións pioneiras non só en Galicia senón tamén noutras provincias próximas como León, Zamora, Salamanca e Asturias.

A sede da Uned disporá só dun edificio de case 2.000 metros cadrados que terá tres plantas. Na baixa, estará a biblioteca e o centro de orientación ao alumno; na primeira, haberá seis aulas; na segunda, doce máis, e na terceira, estarán situados o salón de actos e os distintos laboratorios.

Comentarios