Unha ruta de premio

ELP1906P8F11.JPG
photo_camera ELP1906P8F11.JPG

unha ruta polos lagos de Saliencia no parque natural de Somiedo, na veciña Asturias, que foi proposta polo clube lucense Acivro, acaba de conseguir o segundo posto nun concurso nacional de sendeirismo organizado pola firma de alimentación Eroski Consumer.

Esta ruta, que foi a segunda máis votada polo público entre as cinco finalistas elixidas por un xurado de expertos, consta de 17 quilómetros. Discorre entre os lagos de orixe glaciar Cova, Cerveriz, Calabazosa e Val, un conxunto que está declarado monumento natural.

A súa dificultade, segundo este club excursionista, é media e a súa duración é dunhas cinco horas. O seu punto de partida é o alto da Farrapona, a 1.709 metros de altitude, e o de chegada é a aldea de Val de Lago.

O podio da primeira edición deste concurso nacional completárono a ruta do Parque Natural dos Collados de Asón, en Cantabria, que se fixo coa medalla de ouro. A de bronce foi para a do Parque Natural de Peñagolosa, na comunidade valenciana.

Estas tres rutas serán utilizadas polos organizadores para difundir en diversas publicacións e en internet.

O presidente deste club excursionista, Alejandro González , que definiu Somiedo como «un dos espazos naturais máis marabillosos existentes en todo o norte peninsular, con fermosas brañas, lagos de ilusión e pobos con encanto», agradeceu «a todos os lucenses que co seu apoio colaboraron para a consecución de dito galardón».

Comentarios