Unha nova enquisa dá vantaxe ao ''non'', que é o resultado polo que se decantan as casas de apostas


Unha enquisa da firma YouGov para os diarios The Sun e The Times outorga hoxe ao "non" á independencia de Escocia unha vantaxe de catro puntos, cun 52 % dos votos contrarios á escisión fronte ao 48 % favorables.

O estudo foi efectuado entre este luns e mércores, véspera do referendo, entre 3.237 persoas que xa participaran noutra enquisa idéntica os pasados 12 de agosto e 10 de setembro, o que converte esta sondaxe nun dos máis precisos, segundo YouGov.

De acordo con esta análise, se só votasen homes a independencia gañaría cun claro 54 % de "sies" fronte a un 46 % de "nons", mentres que o voto feminino daría unha vitoria ao "non" cun 57 % de sufraxios fronte a un 43 %.

Segundo o diario The Sun, aínda que as enquisas non ofrecen un claro gañador, algunhas casas de apostas xa empezaron a pagar a clientes que puxeron diñeiro por unha vitoria do "non" á independencia de Escocia do Reino Unido.

No entanto, se o entusiasmo fose un factor á hora de decantar a balanza, a independencia estaría asegurada pois a enquisa indica que un 47 % dos partidarios do "si" despregaron un cartel ou levaron un adhesivo para demostrar a súa posición, fronte ao 20 % no bando contrario que fixo o mesmo, indicou a sondaxe.

Os colexios electorais en Escocia abriron hoxe as súas portas ás 06.00 GMT para votar no histórico referendo sobre a independencia desa rexión, no que ambos os dous bandos parten moi igualados.

Case 4,3 millóns de residentes en Escocia maiores de 16 anos terán que decidir desde primeira hora da mañá nas urnas se creen debe ser un país independente do Reino Unido.

As apostas o teñen claro
A pesar de que as enquisas non dan un claro gañador no referendo sobre a independencia de Escocia, algunhas casas de apostas o teñen claro e empezaron xa hoxe a pagar a clientes que apostaron o seu diñeiro polo "non" á secesión.

A firma de apostas en internet Betfair indicou que pagou "substanciais sumas de seis díxitos" aos que non creron que a maioría dos escoceses votaría na consulta de hoxe a favor da secesión.

Tan segura está esta casa de apostas respecto da vitoria do "non" que uns poucos afortunados non tiveron que esperar para cobrar a coñecer o resultado do referendo, que se divulgará mañá ao finalizar o reconto de votos.

Betfair explicou que a tendencia marcada polas apostas dos seus clientes suxire que a opción do rexeitamento á independencia ten un 79 % de posibilidades de resultar gañadora.

Hai dous días, un cliente que apostase 100 libras (126 euros) a favor do "si" podería gañar en Betfair 450 libras (570 euros), mentres que a ganancia en caso do "non" sería de 127 libras (160 euros).

A afección ás apostas é tan grande no Reino Unido que outra casa de apostas, William Hill, estimou que este sector podería embolsarse ata 10 millóns de libras (12,6 millóns de euros) con motivo da convocatoria desta consulta.

Comentarios