Unha empresa de Muras deseña bateas para mar aberto

Bateas en una ría gallega
photo_camera Bateas en una ría gallega

Un consorcio de empresas galegas liderado por Técnica de Envases Pesqueros (Tepsa), con sede en Muras, está a traballar no deseño dunha estrutura alternativa ás bateas tradicionais, que só poden situarse nas rías, e que permitirá a acuicultura en mar aberto.

Para iso, a estrutura, que forma parte do proxecto Articuiltura, estará composta por tubos flotantes articulados e pezas de sujeción mediante materiais plásticos resistentes á acción da auga do mar.

Os seus responsables afirmaron que este sistema permite "maior flexibilidade na montaxe e na produción", ao mesmo tempo que "beneficiará ao medio ambiente" no marco do desenvolvemento sostible.

Ademais, o proxecto conta co respaldo a Consellería de Innovación e Industria, que achega 392.410 euros a través do Programa de Tecnoloxías de Deseño e Produción Industrial do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

Segundo indicou este sábado o departamento que dirixe Fernando Blanco, o obxectivo do proxecto é paliar as limitacións das bateas, relacionadas sobre todo co feito de que só poden situarse en zonas resgardadas das ondas, como as rías.

"Flexible" e "resistente"
O material escollido para os tubos é o polietileno de alta densidade (PEAD), que é impermeable, non tóxico e ofrece resistencia a baixas temperaturas e a forzas de tensión ou compresión. Ademais, os tubos poderán ter calquera lonxitude e estarán conectados entre si por pezas de axuste, de modo que se poderán crear estruturas articuladas e con calquera forma xeométrica.

Á vista destas calidades, Tepsa incide en que a utilidade do sistema radica na "súa flexibilidade" e na "extrema facilidade" para construír estruturas de acuicultura mariña "con garantías de resistir fortes temporais".

A sociedade Porto de Celeiro contará coa colaboración do Centro Tecnolóxico da Pesca de Celeiro (Cetpec) para efectuar probas en condicións reais. Ademais, Tepsa realizará probas de resistencia das unións e as súas soldaduras.

Para a realización destas probas construiranse dous tipos de estruturas flotantes, unha gaiola circular pechada con rede para peixes de 50 metros de diámetro e unha long-line de 120 metros de lonxitude formada por catro tubos en paralelo para mexillóns e ostras. Ambos os instrumentos probaranse en ría e en mar aberto.

Este proxecto é unha actividade complementaria á pesca artesanal que busca diversificar a produción mediante unha redución de custos, posto que os tubos flotantes teñen un prezo inferior ao das actuais bateas, e tanto a instalación como as posibles reparacións son "rápidas e con pouco custo".

comentarios