Unha avaría na rede xeral deixou sen auga na mañá de onte a tres barrios focenses

Unha avaría na rede xeral da subministración a Foz deixou varias horas sen auga aos veciños residentes nos barrios de Marzán, Forxán e unha parte de Vilaronte, que pasaron boa parte da noite e toda a mañá de onte sen auga ata que o servizo quedou reestablecido ao redor das tres da tarde, segundo confirmou o alcalde, Javier Castiñeira.

O fallo detectouse pouco antes da media noite do pasado martes, inmediatamente, os técnicos da empresa concesionaria do servizo puxéronse a traballar de inmediato para liquidala, pero a gravidade da avaría, «que foi importante», aseverou o rexedor, non evitou que pasasen boa parte do día de onte sen auga, xusto nunha xornada festiva, na que a parroquia de Vilaronte celebraba ademais a festividade do Pilar, con misa e sesión vermú no barrio da Espiñeira, aínda que esta zona non resultou afectada.

A avaría localizouse nas inmediacións da estación de servizo da localidade focense, en Marzán, onde os técnicos traballaron intensamente durante horas.

Comentarios