Unha app axilizará as visitas ás Catedrais, que recibiu este verán a 245.000 visitantes

Estará operativa en Semana Santa e permitirá aos usuarios solicitar desde o seu móbil a autorización necesaria para acceder ao areal, así como descargar un código QR identificativo
Una visita guiada, en As Catedrais
photo_camera Una visita guiada, en As Catedrais

A Xunta de Galicia informou de que porá en marcha unha nova aplicación móbil (APP) para axilizar as autorizacións de acceso ao Monumento Natural Praia das Catedrais, que recibiu entre os meses de xullo e agosto a unhas 245.000 persoas, aínda que dunha forma "ordenada e sostible", segundo informou a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, que hoxe visitou o areal.

Díaz, quen cualificou o número de persoas que accederon ao areal como "unha marca", estivo acompañada nesa visita á Praia das Catedrais, que foi declarada Monumento Natural o 20 de xaneiro de 2005, polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro.

A directora xeral anunciou que a nova aplicación para solicitar os permisos de acceso estará operativa na próxima Semana Santa e permitirá aos usuarios solicitar desde o seu móbil a autorización necesaria para acceder ao areal en "tempada alta", así como descargar un código QR identificativo.

Asegurou que será "un servizo rápido e cómodo", que permitirá "darlle continuidade ao Plan de Conservación" do propio Monumento Natural, cuxo "obxectivo é equilibrar a súa protección e facilitar a visita".

Tamén aproveitou para recordar o "incremento progresivo de visitantes" que veu rexistrando a Praia das Catedrais, un aumento que só este verán, en relación co de 2016, supuxo unha subida do 23%.

Destacou, ademais, o feito de que cada vez hai máis visitantes estranxeiros, aínda que maioritariamente -un 90%- proceden doutras rexións de España, así como a presenza de mozos e mozas, dado que case un 30% dos turistas son persoas de entre 19 e 29 anos.

Ademais de desenvolver a citada aplicación móbil, a Xunta tamén organizará durante este mes talleres orientados aos escolares da zona, de entre 6 e 12 anos, para "abordar as sinerxías que se producen entre a xeoloxía e o medio ambiente".

Comentarios