Un Ere afectou en febreiro a 14 traballadores

Un xulgado declara a liquidación de Racer Chapas, a antiga Onte

Este proceso iníciase só dous meses despois de que a firma, con sede en San Xulián da Veiga, presentase o concurso de acredores. A empresa tiña unha débeda de 800.000 euros
Instalaciones de la empresa, ubicadas en San Xulián da Veiga
photo_camera Instalaciones de la empresa, ubicadas en San Xulián da Veiga

A empresa sarriá Racer Chapas, con sede na parroquia de San Xulián da Veiga, segue os pasos das súas firmas predecesoras (Onte e Gentina), xa que o xulgado Mercantil de Lugo acaba de declarar a súa liquidación. Este procedemento iníciase tan só dous meses despois de que a empresa presentase o concurso de acredores por acumular unha débeda de 800.000 euros. 

José Díaz Valcárcel, que figura como apoderado de Racer Chapas, non quixo facer declaracións, pois dixo non ter constancia polo momento da liquidación. O xulgado do Mercantil acordou a suspensión das facultades de administración e de disposición sobre o seu patrimonio, e será substituído polo administrador concursal. O tribunal tamén deu a coñecer a formación sexta do concurso para a súa cualificación como culpable ou non culpable.

ALUGUER. O administrador concursal deberá presentar agora no xulgado o plan de liquidación, que adoita contemplar a venda directa dos inmobles e bens da empresa concursada ou a súa poxa pública. Neste caso, segundo fontes próximas a Racer Chapas, a firma non conta con inmobles nin maquinaria, xa que se atopaba en réxime de aluguer na nave de San Xulián da Veiga.

Estas mesmas fontes sinalaron que parte destas instalacións son utilizadas por Racer Chapas, mentres que o resto do espazo está alugado pola firma Industria Gallega de la Madera y Complementos. Segundo apuntaron, prevese que, unha vez liquidada Racer Chapas, esta nova empresa arriende tamén o resto das instalacións.

De Industria Gallega de la Madera y Complementos, con sede na Coruña, figura curiosamente como apoderada unha persoa que tamén ten este cargo en Racer Chapas e o tivo en Gentina.

O proceso de liquidación desta sociedade é o mesmo que seguiu en 2009 a empresa Onte, tras presentar concurso de acredores. A firma renaceu pouco despois coa denominación de Gentina. Esta tamén terminou presentando concurso a finais de 2011 e pouco despois acabou sendo liquidada.

Comentarios