Un xulgado de Ferrol cita o 7 de marzo a González Formoso como investigado

Instrución número 3 inicia dilixencias previas tras a denuncia da Fiscalía ao rexedor pontés por suposta prevaricación polas axudas ao fútbol. A interventora municipal irá como testemuña

O xulgado de instrución número 3 de Ferrol citou a declarar, en calidade de investigado, ao rexedor pontés e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, tras a denuncia interposta pola Fiscalía de Ferrol por suposta prevaricación na concesión de subvencións ao CD As Pontes a pesar dos reparos da Intervención municipal.

O rexedor socialista, tal e como confirman desde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, deberá presentarse no xulgado o próximo 7 de marzo a partir das 9.30 horas para prestar declaración. Xunto a el, está citado, tamén en calidade de investigado, o avogado pontés Raúl Meizoso, que presentou un informe externo para avalar a decisión do alcalde pontés de levantar o reparo de Intervención para conceder financiamento ao club de fútbol local.

Ese mesmo día, unhas horas máis tarde, ás 10.30, foi citada a interventora municipal, C.M.M., que declarará como testemuña.

O xulgado ferrolán iniciará así a principios de marzo as dilixencias previas sobre a investigación da suposta prevaricación do rexedor pontés, a partir do que determinará se procede ou non a apertura de xuízo oral.

A Fiscalía presentou a denuncia o luns 18 de xaneiro no xulgado decano de Ferrol ao ver "indicios de delito" na información que puxeron no seu coñecemento os tres partidos políticos que conforman a oposición, BNG, PP e Xuntos polas Pontes, sobre as axudas concedidas ao club de fútbol nos últimos anos, que roldaron os 200.000 euros anuais.

As subvencións, segundo a Fiscalía, non foran debidamente xustificadas, a pesar do que, e en contra dos informes de Intervención do Concello e a Deputación, segundo destaca no seu escrito, levantouse un reparo para poder conceder a axuda de 2015.

González Formoso negou irregularidades o día que se fixo pública a denuncia, mentres a oposición, que á vez que puxo a información en coñecemento da Fiscalía tamén o fixo no Consello de Contas de Galicia, decidiu manter silencio mentres non finalice a investigación.

Desde a dirección do CD As Pontes defenden que o club xustificou todos os gastos e convocaron unha asemblea de socios para o día 12, ás 20.00 horas, na Lareira.

Comentarios