Un vídeo inédito da traxedia do Madrid Arena protagoniza a segunda xornada do xuízo

As imaxes mostran como os vixiantes non conseguen evacuar ás persoas atrapadas pola avalancha. A maiores, proxectáronse dous vídeos e unha maqueta virtual do pavillón

A segunda xornada do xuízo polo Madrid Arena comezou coa proxección dun vídeo que contén imaxes inéditas da avalancha humana ocorrida ás 03.35 horas do 1 de novembro de 2012, na que morreron tres das cinco mozas que perderon a vida.

No vídeo, nunca visto ata agora, aparece unha multitude de persoas atrapadas no vomitorio mentres os vixiantes de Kontrol 34 tratan de sacar aos mozos do tapón que se forma no interior.

As imaxes mostran aos vixiantes, identificados con chalecos amarelos, sacando a tiróns a todas as persoas atrapadas e incluso como algúns deles soben encima das persoas para tratar de rescatar aos mozos.

Nun momento dado, cando a situación está xa fóra de control, obsérvase como  acenden un par de bengalas, unha no vomitorio e outra a escasos metros do lugar da avalancha. Ambas, posteriores á formación da avalancha.

Acto seguido, a situación  recrudece ao ver como os vixiantes non logran evacuar ás persoas atrapadas, que sacan as mans como poden para ser rescatadas.

OUTROS VÍDEOS. Máis tarde proxectouse un segundo vídeo que reproduce as imaxes da inspección ocular que se realizou o 26 de novembro de 2012 e á que asistiron todas as partes involucradas no procedemento.

Nelas vese un pavillón completamente baleiro, os diferentes aneis, salas e accesos así como imaxes do vomitorio onde ocorreu a traxedia.

Xa nun terceiro vídeo, coas imaxes do diario El Mundo, aparecen exteriores do pavillón e escenas do interior nas que os asistentes tratan de abandonar o recinto. Todas elas posteriores á traxedia.

Nun momento dado vese ao acusado Francisco del Amo, que era coordinador de proxectos do departamento de operacións de Madridec, abandonar o lugar mentres que noutra escena aparece Flores de costas saíndo por un corredor acompañado de dúas persoas.

MAQUETA VIRTUAL. Para rematar, proxectouse a maqueta virtual do Madrid Area achegada pola Fiscalía que mostra con detalle todas as estancias do recinto e os exteriores do pavillón.

Comentarios