Condenado en Guntín por atropelar a un veciño tras berrar sobre as súas vacas

O acusado cruzouse coa vítima nun camiño e arroiouno porque os seus animais lle impedían o paso. O xuíz impúxolle dous anos de cárcere

Un guntinés xulgado por atropelar ao seu veciño co coche, porque as vacas do home impedíanlle o paso, foi condenado a dous anos de cárcere. Ademais, o arrebato saíulle caro, xa que terá que indemnizar ao ferido en 4.500 euros e pagarlle ao Sergas os gastos médicos que lle reclame por atender á vítima. 

No xuízo por este caso –que se celebrou no Penal número 2 de Lugo–, o acusado negou os feitos e declarou que o seu veciño "se tirou" diante do vehículo. Con todo, o xuíz non considerou crible esta versión e condenouno como autor dun delito de lesións. O acusado recorreu o fallo, pero a Audiencia Provincial acábao de confirmar, polo que a sentenza xa é firme. 

Tanto o xulgado de primeira instancia como o Tribunal entenden probado que se trata dun atropelo deliberado. Ademais, consideran fundamental o testemuño dunha testemuña, "quen manifestou que vira como o acusado aceleraba o seu vehículo e como atropelaba ao outro home". 

Os feitos ocorreron sobre as tres e media da tarde do 7 de novembro de 2011. Ese día, o acusado, con iniciais A.R.V., conducía o seu turismo por unha estrada rural do municipio de Guntín, concretamente por unha pista que une o lugar de Lamela coa estrada DP-1611. 

No traxecto, o home atopouse cun veciño que camiñaba cun rabaño numeroso de vacas. Os animais ocupaban practicamente a totalidade da calzada. 

Ao ver que non podía pasar co seu vehículo, e debido a que ambos xa tiveran "problemas veciñais" con anterioridade, o acusado acelerou a marcha coa intención de embestir por detrás ao seu veciño. De feito alcanzouno, provocando que lle home caese sobre o capó do coche. 

O ferido, que acabou tirado sobre o asfalto, sufriu unha contusión na cadeira, un racho de menisco e unha escordadura no xeonllo dereito. O home pasou varios días hospitalizado, estivo outros 20 días de baixa e tardou un total de tres meses en recuperarse das lesións. 

A sentenza recolle que a vítima conserva como secuela unha lesión meniscal no xeonllo dereito, con sintomatología moderada. 

DEFENSA. Na vista oral por estes feitos, o acusado negou rotundamente a versión da Fiscalía, que foi corroborada polo denunciante. Segundo dixo, cruzouse co seu veciño e unicamente saudouno. "Dixénlle: Boas tardes, vas de pastor?, e o comezou a ameazarme con que me ía denunciar por unhas pedras e tirouse diante do coche. Logo chegou ou seu fillo, deulle varios golpes co xeonllo ao meu coche e cuspiulle", explicou ante o xuíz. 

A.R.V. mantivo en todo momento que non atropelou ao seu veciño e incluso o denunciou por ameazas e inxurias. 

De feito, a vítima tamén foi xulgada no Penal número 2 de Lugo por ameazas, coaccións e inxurias, aínda que o ministerio fiscal non exerceu a acusación contra o home ao considerar que non había probas de que cometese ningún delito. Finalmente, o xuíz absolveuno.

Comentarios