Un veciño de Foz reclama ao Concello a retirada de pedras no acceso á casa

O afectado explica que foi a administración local a que as colocou tralo arranxo do párking do Curveiro e avanza que de non recibir solución fará un escrito para clausurar o aparcamento
Casa afectada, ao fondo, e pedras no acceso de terra
photo_camera Casa afectada, ao fondo, e pedras no acceso de terra

Un veciño de Foz, Juan García Fernández, fixo pública este martes a súa demanda para que o Concello retire tres pedras de considerables dimensións que, segundo di, colocou a administración local o pasado 14 de xuño tralo acondicionamento do aparcamento do Curveiro. O afectado xa presentou un escrito no consistorio o pasado 30 de xuño solicitando a "inmediata retirada" das pedras, xa que impiden a entrada á vivenda de calquera vehículo, "o que está causando graves perxuízos para a nosa vida cotiá". Tamén o mesmo día puxo os feitos en coñecemento da Policía Local, sen que polo momento recibira unha resposta oficial de ningunha das partes.

García explica que o camiño do Curveiro, que empeza na rúa Valle Inclán e non ten saída, nunca estivo pechado "nin parcial nin totalmente, excepto en momentos puntuais" e que por el sempre circularon todo tipo de vehículos. Sen embargo, dende a colocación das pedras nin el pode facer uso del para labores na súa finca, nin para acceder co coche, "nin poderían entrar vehículos de emerxencias, cando na casa viven dúas persoas con problemas de saúde e un home de avanzada idade".

O afectado asegura que a colocación deste obstáculos é "unha coacción da liberdade de persoas e vehículos" e que ao tratarse dun camiño público está amparado pola ordenanza municipal na que se estipula que a instalación de obstáculos que impidan o tránsito en vías públicas é unha infracción moi grave. O afectado xa avanzou que si o Concello non retira as pedras farao el mesmo e si volven aparecer, presentará "unha denuncia no xulgado". Ademais avanza que de non revertirse a situación fará un escrito para a clausura do aparcadoiro "polas moitas e graves carencias que presenta".

O home engade que este vial figura no inventario de camiños públicos que neste momento está en fase de alegacións no concello. "Eu mesmo presentei unha alegación a ese documento porque as medidas que aparecen non son as correctas", explica e engade que nun primeiro tramo é de asfalto –agora unha parte forma parte do aparcamento–, despois de terra e finalmente é unha senda peatonal que non ten saída.

ALCALDE. Pola súa banda o alcalde focense, Javier Castiñeira, explicou este martes que o camiño é peatonal: "Este veciño está equivocado e abusou da confianza dos seus veciños e enganou ao Concello. Díxonos que contaba coa autorización dos veciños para anchear a senda peatonal para poder acceder á casa co vehículo e nós fixemoslle ese acceso, pero viñeron os veciños a decirnos que non tiña ese permiso, polo que volvemos a situación ó estado no que estaba e colocamos as pedras".

Castiñeira recalca que dende o Concello actuaron con boa vontade, "pero el enganounos e agora fai todo isto, que non ten nada que ver coa realidade".

Comentarios