Un traballo do IES de Burela sobre as cousas de antes gaña un premio dixital

Imagen inicial del vídeo
photo_camera Imagen inicial del vídeo

Un traballo do IES Perdouro de Burela (Lugo), titulado 'Cousas de antes' e que recolle a conversación entre un neno e a súa avoa impúxose como vencedor nun concurso sobre curtos co móbil ao que se presentaron 44 propostas de dezaseis centros educativos galegos.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) sinalou que este é o traballo premiado en primeiro lugar, e o segundo galardón foi para 'Revivamos Galicia', do IES de Cacheiras, Teo (A Coruña).

Na composición audiovisual triunfante, a avoa compara a realidade tecnolóxica do ano 2050, no que se ambienta a acción, coa do 2014 e incluso con épocas anteriores, e a conclusión é que os avances tecnolóxicos melloraron o benestar social.

 


O premio, informa a Xunta nun comunicado, é unha tableta para cada alumno responsable do vídeo máis votado e unha mini-tableta para cada un dos alumnos responsables do segundo vídeo máis votado.

O concurso ía dirixido a alumnos matriculados na ESO ou Bacharelato de Galicia, de entre 14 e 18 anos, e é unha das iniciativas do proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020, a futura estratexia tecnolóxica global da Xunta, que está a elaborar a Amtega.

Ao certame concorreron estudantes das catro provincias, que participaron en grupos dun máximo de cinco persoas e mostraron a súa destreza cinematográfica coa gravación dun vídeo dun máximo de tres minutos de duración, onde expoñen como imaxinan que a tecnoloxía transformará Galicia no futuro.

Todas as iniciativas foron valoradas por un xurado especializado no ámbito da Sociedade da Información e as Novas Tecnoloxías.

A nova folla de ruta en materia tecnolóxica presentarase no primeiro trimestre de 2015 e elabórase en base a un modelo de intelixencia colectiva coas achegas de institucións públicas, axentes sociais e económicos, e a propia sociedade en xeral.

Comentarios