Un policía resultou ferido nas explosións xunto ao autobús Borussia Dortmund

Un axente de policía que precedía en moto ao autobús do equipo alemán de fútbol Borussia Dortmund cando estalaron tres artefactos resultou afectado pola explosión, na que resultou tamén ferido o xogador español Marc Bartra, operado onte á noite dunha fractura no radio.

A policía informou nun comunicado do novo ferido, sen ofrecer máis detalles polo momento sobre a autoría do ataque, que presume que ía dirixido especificamente contra o equipo.

Bartra foi operado onte á noite nun hospital de Dortmund ao presentar fractura do radio á altura da boneca dereita e esquirlas na man, segundo as informacións facilitadas polo club.

As tres explosións rexistráronse ao redor das 19.15 hora local (17.15 GMT), cando o autobús do equipo, cos xogadores dentro, saía do seu hotel cara ao estadio para disputar a ida dos cuartos de final da liga de Campións fronte ao Mónaco, encontro que finalmente foi cancelado e aprazado a hoxe mércores.

Comentarios