Un paseo pola vida

Laura Canto e Rubén Veiga, de Seres Producciones, co apoio de Baruk Domínguez e de Roteiros da Carba, danlle forma a un documental que parte da realidade sanitaria no rural de antano para retratar toda unha época da man de cinco xermadesas

Un paseo pola vida. Este é o título escollido para o seu primeiro documental e tamén unha declaración de intencións por parte de Seres Producciones, de Laura Canto e de Rubén Veiga, para introducir un traballo que se centra na realidade sanitaria daquel rural xermadés no que eran mozas as que hoxe poderían ser avoas.

"Queriamos que nos falasen sobre curandeiras, parteiras, remedios típicos dos que se facían nas casas... recollemos o que nos din as señoras maiores do concello", explican Laura e Rubén, que contan nesta aventura coa inestimable colaboración da asociación Roteiros da Carba e o apoio da educadora familiar do Concello de Xermade, Manuela Vilaboy.

Sen guión nin ideas preconcebidas, a súa única premisa á hora de gravar foi "deixalas falar libremente", co seu amigo Baruk Domínguez conducindo as entrevistas. "Gústanos como traballa e pedímoslle se nos podía axudar", din os dous pés de Seres Producciones, mergullados agora no proceso de montaxe logo de xuntar segundos, minutos e horas de conversa coas que serán as protagonistas absolutas deste exercicio de memoria colectivo.

Os responsables do traballo apostan pola "investigación de proximidade" para recuperar a memoria antes de que esta se perda



A centenaria Manuela da Pedreira, veciña de Roupar; as Felicitas de Momán e de Lousada; Elda, tamén de Lousada, e a rouparesa Julia son as cinco mulleres que prestan a súa voz, a súa historia e a súa experiencia vital para este paseo pola memoria. E tamén o seu cariño, pois se hai algo que destacan os tres do traballo de campo é a boa acollida que tiveron: "Foi moi agradable, abríronnos as portas das súas casas, cóntannos, invítannos, tratáronnos coma se fosemos da casa".

Todas as gravacións xurdidas deste bo feeling son á súa vez un punto de partida para futuros traballos, xa que nelas se fala de sanidade, pero tamén de contos, de oficios, de lendas, de traballos, de ditos... Os testemuños das protagonistas de Un paseo pola vida, cos seus recordos e vivencias, confirmaron a idea que xa bulía no maxín de Laura e de Rubén. Esta peza quere ser só a primeira dunha serie de documentais que reflictan uns costumes, unha tradición que queda nun pasado que, aínda que en termos históricos é 'onte', na práctica está a esmorecer con cada casa que pecha.

De feito, tras cada conversa, as sensacións eran as mesmas para todo o equipo. "É unha experiencia moi gratificante", aseguran, pero tamén lles deixaba un "pouso" de tristura. "Esas historias que nos están contando poderían perderse, como dirían en Blade Ranner, 'como lágrimas en la lluvia', e iso faite pensar en cantas se perderían xa", resume Baruk, apuntando a que "non se fai moito, sobre todo no rural, por recuperar a memoria".

Laura, Rubén e Baruk fan un chamamento a aquelas persoas que teñan un mínimo interese no tema a que actúen, fagan "investigación de proximidade" e axuden a presevar a tradición. Convídanas a pasear pola vida.

Comentarios