Un mural para impresionar ao Rei

Estudiosa, traballadora e detallista, así é o carácter de Irene Rico Gómez, a nena burelense de sexto de Primaria cuxo traballo foi o gañador galego do concurso ¿Que é un Rei para ti? Entre todas as manualidades presentadas por máis de 2.000 alumnos de toda a comunidade a da mariñá foi a escollida para ofrecerlla ao monarca, nun acto que cumpre xa 30 anos.

Rico realizou un moi elaborado traballo no que Don Juan Carlos e Dona Sofía figuran vestidos con traxes típicos das diversas comunidades autónomas, como Galicia, País Vasco, Cataluña, Madrid ou Andalucía. «Ocorréuseme de casualidade pero pensei que era boa idea, xa que representa a todas as tradicións», indicou Irene Rico. Unha vez decidida a idea tocaba levala a cabo. Para iso decidiuse a colocar os traxes rodeando as fotos dos monarcas, empregando para iso fieltro, tea e papel. Esta técnica aprendeuna da súa nai, con quen adoita facer bonecas de decoración, e a pesar de saber que lle ía a levar bastante tempo realizar o traballo, debido á súa laboriosidade, decidiu empregar os seus intres libres durante o Nadal para culminar o seu proxecto. «Eu fago bonecas pequenas e xa lle dixen que o que ela quería facer íalle a levar moito tempo pero como é moi entusiasta ao final terminouno. Fíxoo ela soa, a min pedíame consellos de cando en vez pero foi ela quen o fixo todo», indicou Irene Gómez, nai da premiada.

No centro educativo de Rico, o Ceip Vista Alegre, tan só ela e outro alumno presentaron traballos. Posteriormente os seus pais recibiron a chamada da Xunta para que acudisen a Santiago, onde se entregaban os premios aos 40 traballos máis distinguidos da comunidade. «Recibín un lote de libros e un mp5 pero a verdade é que non contaba con gañar, cando dixeron o meu nome non mo cría», explicou esta nova artista.

Recibimento

Agora o monarca recibirá os traballos gañadores de cada unha das comunidades autónomas de España, unha das facetas do seu traballo que confesa que máis lle gusta.

Irene Rico recibiu moitos encomios polo seu excelente traballo, sobre todo por parte dos seus compañeiros de clase e os seus profesores. A experiencia tamén a considera enriquecedora, xa que gozou realizando o traballo e coñecendo xente ao recibir o seu premio.

RECOÑECEMENTOS
Unha longa lista de premios a pesar de ter só 11 anos

A paixón polo traballo ben feito é algo que se vive desde pequeno, unha premisa que queda patente no caso de Irene Rico, quen goza enormemente das manualidades e sempre que pode intenta presentarse a diferentes concursos e certames. Unha das cousas que máis lle gusta é a poesía, unha modalidade literaria na que a pesar de só ter 11 anos xa gañou importantes premios a nivel local, comarcal e incluso provincial, o que agora se suma este recoñecemento autonómico. Durante tres anos gañou o concurso de postais que se celebra en Burela por Nadal. «Gústame facer cousas no tempo que teño libre e por iso preséntome a tantos concursos», sinalou Rico.

Letras galegas

Unha das citas ineludibles para Rico é a das Letras galegas, unha festividade para a que presentou varios poemas, gañado premios a nivel provincial. A nivel local tamén logrou moi bos resultados abordando a temática mariñeira e agora agarda que «ao Rei gústelle o meu traballo. Espero que sexa así», explicou Irene Rico.

Comentarios