Un monólito recordará a Martín Seco no vilalbés Paseo da Magdalena

O Foro vilalbés de debate e cooperación Martín Seco Cendán solicita ao Concello manter vivo o recordo deste político vilalbés coa colocación dun monólito no seu recordo nas inmediacións do Muíño do Rañego, tal e como manifestou onte o portavoz deste colectivo e fillo do destacado socialista chairego falecido o pasado 13 de xuño, Martín Seco García.

A petición cursada ao goberno vilalbés por este colectivo veciñal foi moi ben acollida por parte do goberno local e podería levar a cabo nas próximas datas, tal e como deixou entrever o propio Martín Seco García, quen, tras agradecer a boa predisposición mostrada polo rexedor da capital chairega, o popular Gerardo Criado, precisou que a pretensión última desta iniciativa é tributar unha homenaxe simbólica á figura de Martín Seco Cendán no seu pobo natal.

Os actos en recordo deste histórico socialista vilalbés non se cinguirían só á colocación do citado monólito nas inmediacións do paseo fluvial da Magdalena, senón que tamén podería completarse coa plantación dunha árbore nas proximidades do Muíño do Rañego, así como coa colocación dunha placa conmemorativa na casa natal de Martín Seco Cendán, emprazada na Rúa Manuel Mato Vizoso, unha vez solicitada xa a pertinente autorización dos propietarios do citado inmoble.

O recordo do legado vital e político de Martín Seco Cendán é unha das premisas con que naceu o foro vilalbés de debate e solidariedade que adoptou o nome do histórico socialista vilalbés, un colectivo que pretende ademais dinamizar a participación social na capital chairega a través de distintas iniciativas.

Martín Seco García apuntou así que o novo foro vilalbés pretende elaborar un regulamento de participación cidadá para Vilalba, a fin de potenciar así a presenza dos veciños na vida municipal sen entrar na controversia política.

A instauración dun premio para distinguir a aqueles personaxes vilalbeses que destaquen polo seu labor social en favor dos seus conveciños e a participación activa deste aínda incipiente colectivo vilalbés nun proxecto de cooperación, da man de Solidariedade Internacional de Galicia, son outras das liñas de traballo que pretende levar a cabo o foro de debate Martín Seco Cendán.

Comentarios