Un laboratorio de Santiago confirmará se o condutor tomou drogas

O laboratorio do Servizo de Toxicoloxía do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade de Santiago de Compostela (USC) recibirá previsiblemente o luns a mostra de saliva do condutor da retroescavadora involucrado no accidente de autobús que custou a vida a cinco mozos en Bajadox.

O director do laboratorio, o profesor Manuel López-Rivadulla, explicou a Efe que o seu departamento aínda non recibiu a mostra do condutor, que previsiblemente chegará o luns.

Aínda que habitualmente se tarda entre dez e doce días en analizar este tipo de mostras, sostivo, nesta circunstancia dun caso que xerou alarma social farase "dun día para outro".

O test de saliva é a primeira proba indiciaria para saber se un condutor consumiu algún tipo de droga das denominadas ilegais, aínda que logo ten que ser contrastada nun laboratorio de referencia, que neste caso será o de Santiago.

Este primeiro test de saliva é o que se lle practicou onte a F.M.M, de 37 anos, o condutor da retroescavadora que provocou supostamente o accidente dun microbús na provincia de Badaxoz no que morreron cinco mozos do club de fútbol sala de Monterrubio de la Serena.

O Xulgado número 2 de Castuera (Badaxoz) decretou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza para este condutor, que nesa proba de saliva deu positivo á cocaína e ao cannabis.

Segundo López-Rivadulla, esta primeira proba é "indiciaria" e os resultados que arroxa adoitan rexistrar unha "fiabilidade aceptable", pero segundo a lei ha de realizarse unha segunda proba, cunha segunda mostra de saliva, que analizará o laboratorio que dirixe.

O resultado remitirase ao xulgado que instruíu a causa, continuou, o que posiblemente podería ocorrer o vindeiro martes, se o laboratorio recibe a mostra o luns.

Comentarios