Un infiltrado na cúpula do BNG

O alcalde de Castrelo do Miño, aínda membro da executiva nacionalista e simpatizante da escisión, é o expoñente do descontrol da ruptura do Bloque

O BNG ten un infiltrado na súa cúpula. E é de Ourense. Xurxo Rodríguez, alcalde de Castrelo do Miño, forma parte da executiva galega do BNG pero ten un pé na nacente nova plataforma nacionalista. Ou nunha delas, pois aínda que hai un proceso de achegamento que debería concluír nunha confluencia, neste momento percíbense dúas liñas distintas, a de Beiras , de gran radicalismo verbal contra os mercados financeiros, e a do proxecto dunha nova Coalición Galega, centrista e morna. Esta segunda rama, que ten como cabezas visibles á ex conselleira Táboas, ao ex senador Pérez Bouza e incluso ao aínda membro do PP Rafael Cuíña, presentouse esta semana en sociedade en Ourense, a provincia na que conta con máis forza.

Ao acto asistiu Xurxo Rodríguez que di acharse nun período de reflexión, pero tanto os que se foron do Bloque como os que se quedaron dan por feito que vai marchar. Participou nos discretos movementos dos últimos anos para crear un novo partido galeguista, ademais de ser un dos impulsores do manifesto de alcaldes contra a UPG.

Un imaxina a executiva do BNG falando do tempo, para non dar máis información ao inimigo. Desde que a partir do 2001 se instalou a dinámica de competición interna nacionalista hai a tradición, xurdida na CIG, de que o sector maioritario, o da UPG e os seus aliados, se reúna primeiro pola súa conta, tome as decisións e despois as leve á dirección xa cociñadas, de maneira que a minoría pouco poida facer. Agora é distinto, porque xa non se trata só de ter ao adversario interno sentado á mesa, senón tamén ao posible rival das autonómicas.

O descontrol producido pola escisión é enorme. En febreiro, cando se foi Beiras, houbo tres baixas na executiva e agora, tras a marcha da maioría de +Galiza, hai outras tantas, o que obrigou a correr a lista de forma radical. Históricos dirixentes como Camilo Nogueira e Suso Veiga declinaron entrar na dirección, á que está previsto que si se incorpore o alcalde de Bueu, entre outros.

E Xurxo Rodríguez, que entrou cando marchou Beiras, segue na executiva, o que leva á UPG e ao sector de Carlos Aymerich a planificar o futuro fóra da mesa da dirección. Queren intentar ofrecer unha renovada imaxe de pluralismo, o que non resulta fácil, porque a escisión aumentou o xa elevado peso da UPG.

Fóra do BNG hai dúas posibilidades. A primeira, que parece a máis probable, consiste en que todos os escindidos conflúan nun só proxecto, en forma de coalición, plataforma ou o que sexa, de modo que se perfilen como cabezas de lista Beiras pola Coruña, Táboas por Pontevedra, Pérez Bouza por Ourense e alguén de Esquerda Nacionalista por Lugo, aínda que habería que ver cal sería o papel da +Galiza de Bascuas e doutros grupos. A outra opción sería que as conversas iniciadas esta semana non callasen e que as dúas liñas, a de Beiras e a de Táboas, fosen por separado, cun gran risco electoral.

A piques de cumprir 76 anos, Beiras aparece como a figura clave. Poida que sexa un pianista algo pasado de moda. De feito, fala do século XX coma se fose o actual, pero na política de hoxe xa non hai solistas do seu nivel. Beiras achega a fama e mentres que a outra parte, a de Táboas, asegura contar co financiamento, que aparece como o elemento crave.

Comentarios