Un incendio que durou 24 horas queimou 230 hectáreas de monte no Courel

O Courel padeceu durante 24 horas un incendio forestal de gran magnitude que, segundo informaron desde a Xunta de Galicia, afectou finalmente a 230 hectáreas, 150 delas de monte raso e 80 de arboledo.

Ante as dimensións do lume e a dificultade do terreo, foi necesaria a participación nas tarefas de extinción dun amplo dispositivo que incluíu medios aéreos, en concreto seis helicópteros e outros tantos avións. En canto ao equipo terrestre, desprazáronse dous técnicos, cinco axentes forestais, 19 brigadas de bombeiros, seis motobombas, dúas máquinas paleadoras e un tractor.

O lume orixinouse ás sete da tarde do sábado na parroquia de Meiraos, estendéndose rapidamente cara a Samos polas escarpadas ladeiras das montañas courelesas. Da dificultade que tiveron os servizos antiincendios da Xunta para controlar as chamas dá proba o feito de que fosen incapaces de dar por extinguido o incendio ata as oito da tarde de onte. A alcaldesa do Courel, Lola Castro, indicou que o lume non chegou a afectar a vivendas nin causou danos persoais.

Alarma en Cervantes

En Cervantes rexistrouse este fin de semana outro incendio de menor magnitude que o do Courel -arrasou 28 hectáreas, dez delas arboredos-, pero que causou tamén alarma ao achegarse ás casas. O incendio orixinouse sobre as oito e media do sábado na parroquia de San Tomei de Cancelada e non quedou extinguido ata as 3.00 horas da madrugada de onte.

O dispositivo antiincendios estivo formado por tres motobombas, cinco brigadas e dous técnicos. O lume chegou a achegarse en plena noite a uns centenares de metros do pobo de Dumia, polo que varios veciños, asustados pola proximidade das chamas, achegáronse nun primeiro momento a axudar nas tarefas de extinción.

Durante o fin de semana os efectivos antiincendios tamén intervenieron noutros puntos da provincia, aínda que a superficie calcinada foi menor. Un deses lumes rexistrouse onte ao mediodía en Rebordondo (Portomarín), nunha zona de difícil acceso, polo que para sufocar as chamas houbo que mobilizar a tres avións e dous helicópteros. Na noite do sábado tamén se rexistrou outro foco en San Miguel de Penas (Monterroso) que chegou a ameazar unha granxa, que, finalmente, non sufriu danos.

Comentarios