Un gandeiro de Toirán denuncia un ataque de lobos a unha vaca

Os animais do veciño de Láncara sufriron outro asalto hai dous anos

Un gandeiro da parroquia de Toirán, no municipio de Láncara, denunciou este domingo a morte dunha vaca da súa propiedade por un presunto ataque de lobos. Segundo o seu relato, os feitos ocorreron nunha leira situada só a uns 50 metros da súa vivenda, o que lle xerou preocupación. 

O propietario do animal sinalou que se trata dunha vaca de raza blonda de Aquitania, de tres anos e tres meses de idade, a cal botou en falta o domingo pola mañá, aínda que cre que o presunto ataque de lobos produciuse polo menos dous días antes. Ao acudir na súa procura, atopouna devorada xunto a un piñeiral próximo á leira na que pastaba. "Hai dous anos, o lobo xa pegara con elas e hoxe (polo domingo), na mesma leira, atopei esta vaca comida", afirmou o gandeiro, quen explicou que a familia non se decatou de nada aínda que, atando cabos, si detectou que o seu can mastín "ladraba moito cara ese lado". 

O home asegurou dar parte á Garda Civil e a Medio Ambiente e queixouse de que ao ser domingo saltase un contestador ao chamar a este último departamento.

Comentarios