Un lume arrasa unha casa en Baralla por falta de medios para sufocalo

Aspecto de la casa tras el incendio (Foto: J. Vázquez)
photo_camera Aspecto de la casa tras el incendio (Foto: J. Vázquez)

Un incendio destruíu na noite de fin de ano unha casa no núcleo de Gundián, en Baralla. O propietario da vivenda saíra, polo que só se rexistraron danos materiais, aínda que foron moi cuantiosos, segundo recolle El Progreso na súa edición impresa deste venres.

O lume detectouse sobre as once da noite, cando os veciños de Gundián escoitaron o estalido dos cristais da vivenda. O seu propietario saíra ás nove e media para festexar o fin de ano, polo que alertaron ao alcalde, Manuel González Capón, quen mobilizou aos efectivos municipais e enviou dous carrocetas do Concello. Acudiron, ademais, efectivos do Grumir de Becerreá e outra carroceta deste municipio.

Estes medios foron insuficientes para reducir o lume, que calcinou por completo o interior da vivenda. Só puideron salvarse as ovellas e galiñas que había nas cuadras, que lograron escapar con axuda dos veciños e do persoal de urxencias municipal.

O alcalde de Baralla criticou, neste sentido, o proceder dos bombeiros de Lugo, que foron alertados e, con todo, non acudiron. González Capón explicou que se negaron a ir "porque non había xente na casa e consideraron danos menores que se queimase todo o que había dentro".

O alcalde de Baralla mostrouse indignado pola "falta de atención " en situacións de risco que sofre a zona, carente de servizo de bombeiros, e pola "escasa sensibilidade" dos efectivos do parque de bombeiros de Lugo. "Dixeron que non tiñan persoal e que non podían saír se non había xente dentro da vivenda. Para a próxima haberá que meter dúas persoas, para que vingan. A casa está nun núcleo e o lume non saltou para outras de milagre".

Sobre as cinco da mañá, veciños e efectivos municipais e do Grumir lograron sufocar as chamas. A partir desa hora, organizáronse quendas de vixilancia para que non se reavivasen.

O propietario da vivenda chegou pasadas as catro da mañá. Non sabía nada do ocorrido e atopouse sen casa e sen pertenzas. Foi entón cando puido confirmar que deixara acendido un brasero para afumar chourizos, que se supón que puido ser a causa do lume. No entanto, esta circunstancia non está confirmada e a casa foi precintada para poder investigalo ao longo do día deste venres.

A vivenda quedou totalmente calcinada e o seu propietario foi acollido por uns familiares. González Capón confirmou que se lle queimaron todas as pertenzas, só quedou a roupa que levaba posta". O alcalde insistiu en que "os danos puideron ser menores se os bombeiros axudáronnos a sufocar o lume”.

Comentarios