Un fondo de investimento americano adquire o Hotel Spa Connors co fin de revitalizalo

Este aloxamento xestiónao unha sociedade chamada Inutroque, que foi contratada polo capital norteamericano. A nova xerente quere dar un aire relaxante ao local de Foz "e que a xente salga desestresada e recuperada de aquí"
Entrada del Hotel Spa Connors en Marzán, Foz
photo_camera Entrada del Hotel Spa Connors en Marzán, Foz

Ata agora observaramos como algúns fondos de investimento se facían con equipos de fútbol da elite europea, rañaceos nas máis importantes capitais do mundo ou de centros comerciais, como Marineda City na Coruña. Pero o que é máis inesperado é que se fosen a fixar na Costa de Lugo. Equivocámonos. Un fondo de investimento de capital americano fíxose, a través dunha sociedade chamada Inutroque, co Hotel Spa Connors, situado en Foz. O que non queren que transcenda é o nome do fondo de investimento. "Quérese manter no anonimato", afirma a nova xerente, Carolina Jordán.

Esta empresaria é un dos dous socios de Inutroque, e desde hai un mes e medio reside en Marzán, traballando en cambiar a cara ao único Spa que hai na zona. "Nós facemos un estudo de mercado, e vemos se é viable; neste caso vimos unha oportunidade e ofrecemos os nosos servizos de dirección e de xerencia ao fondo de investimento americano" explica Jordán, que pon un exemplo práctico de en que consiste o seu traballo. "Nós somos como Chicote, que chegamos, cambiámolo todo, e organizámolo para que funcione mellor", explica.

A empresa que dirixe o negocio posúe unha discoteca en Fuengirola e está a construír un hotel en Estepona

Porque o Hotel Spa Connors estaba en decadencia. Hai uns anos, cando se abriu o local, as expectativas eran moi boas. Pero coa crise, reducíronse moito as reservas hostaleiras. O que fose dono, un artista madrileño relacionado co mundo da música, vendeu o negocio ao fondo de investimento americano, cansado de non sacarlle partido a un local onde investira unha boa cantidade de diñeiro.

Máis negocios no sur
A sociedade que forma Jordán co seu outro socio non só conta con este negocio. Posúen unha discoteca en primeira liña de praia en Fuengirola, están a construír un hotel en Estepona e ademais contan cunha empresa de publicidade que se move desde a Costa do Sol a Marbella.

Para Jordán, este novo local co que se fixeron "ten moitas posibilidades". A pesar de que apenas levan 50 días na Costa de Lugo, xa foron capaces de cambiar algunhas cousas. En tempada baixa abren a cociña os fins de semana e, en tempada alta, todos os días, cando co antigo propietario non se daban comidas.

O aceno de identidade e o valor engadido que queren darlle ao Connors é a relaxación, e para iso contan co único Spa da Mariña central. "Queremos dar un ambiente familiar, de tranquilidade e relaxación, e que a xente salga desestresada de aquí", di a propietaria.

Para iso, Jordán cambiou toda a decoración do hotel, dándolle un aspecto máis relaxante. Ademais de contar co spa, que dá nome ao hotel, tamén contan cun pequeno espazo dedicado a un ximnasio. Contan cunha masaxista e posúen tamén unha minisala de cine, onde se proxectarán películas todos os días. No inverno, no comedor, contan cunha cheminea para dar un aire acolledor.

Pero Jordán non pecha as portas a máis iniciativas. "Pódense facer moitas cousas, dar máis servizos, pero imos aos poucos, que só levo 45 días", afirma.

Comentarios