Un estudo levado a cabo en cinco anos avala a calidade da Galiña de Mos

O veterinario Diego Rois dedica a súa tese de doutoramento, presentada na USC, a caracterizar esta raza autóctona
Diego Rois, entre José Luis Benedito e Marta López
photo_camera Diego Rois, entre José Luis Benedito e Marta López

O veterinario lugués Diego Rois vén de acadar un sobresaínte cum laude coa súa tese de doutoramento ‘Caracterización da raza Galiña de Mos’, aínda que para o autor o importante desta investigación que comezou no 2010 son as súas conclusións, avaladas con datos e probas: que a raza autóctona ofrece "produtos de máis calidade nutritiva e organoléptica que as estirpes avícolas industriais" .

"O que quería era plasmar en papel o traballo que levamos feito coa raza nos últimos 15 anos, o noso propósito era saber que diferencias había", explica Rois, que destaca o apoio da USC, en cuxa facultade de Veterinaria presentou a tese, dirixida polos profesores da área de Cirurxía e Medicina Animal do Departamento de Patoloxía Animal, José Luis Benedito Castellote e Marta López Alonso.

Rois salienta tamén a axuda do Centro Tecnolóxico da Carne e do Centro de Recursos Zooxenéticos, ambos os dous dependentes da Xunta, para levar a cabo as investigacións dos produtos cárnicos e dos animais vivos, respectivamente.

O completo estudo tivo en conta o galo, o capón, a pularda e a galiña de Mos, facendo comparativas entre todos os produtos posibles destes animais cos industriais, determinando que o seu crecemento "é máis lento, pero que teñen máis calidade que as estirpes industriais, que medran máis rápido e acadan un maior peso".

A análise vai máis alá. Así, salienta as "características nutritivas moi elevadas, incluso nos ovos" da Galiña de Mos e repasa outros aspectos, coma a súa morfoloxía, a xenética ou a poboación. Rois fai ademais un repaso histórico, dando conta de documentos e informacións que atoparon sobre unha raza da que se teñen referencias escritas dende o 1936, aínda que a súa orixe sería moi anterior. "Rof Codina xa dicía que había que crear un sindicato de criadores da raza", lembra, o que hoxe sería unha realidade con Avimós.

Malia a súa popularidade na primeira metade do século XX, perdeu presenza coa introdución de especies foráneas a partir dos anos 60, ata que se inicia a recuperación no 2000, un proceso con moitas connotacións positivas, como por exemplo a creación dun rexistro de explotacións avícolas artesanais, que permitiu unha profesionalización do sector.

"Hai 140 rexistradas e delas un 90% son de Mos", indica Rois, quen cre que malia que no se cumplen as ratios da UE —cifra en 25.000 o número de reprodutoras para que unha especie xa non estea en perigo de extinción— a Galiña de Mos, con 231 criadores censados e 6.253 produtoras, non corre risco de desaparecer, polo que xa se poderían facer plans de futuro para a raza, como por exemplo fixar unha imaxe de marca.

Comentarios