Un enorme lazo rosa de 120 metros conmemora en Lugo o Día contra o cancro de mama

Lazo en conmemoración del Día Mundial contra el Cáncer en la Praza Maior de Lugo (Foto: Pepe Álvez)
photo_camera Lazo en conmemoración del Día Mundial contra el Cáncer en la Praza Maior de Lugo (Foto: Pepe Álvez)

A Praza Maior de Lugo foi testemuña dun acto simbólico no que se colocou un enorme lazo rosa, de 120 metros de longo, con motivo do Día Internacional contra o Cancro de Mama, nun acto organizado polo diario 'El Progreso', coa colaboración do Concello de Lugo, a Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial, a Secretaría de Estado para a Igualdade, a Asociación Española contra o Cancro e o Colexio Oficial de Farmacéuticos, así como das empresas Zeltia, Gadis, ING e Aluma Perruqueiros.

O enorme lazo, que foi situado fronte á casa consistorial de Lugo, estaba formado á súa vez por 300 lazos de cor rosa máis pequenos, de 40 centímetros, que foron colocados un a un polas persoas que participaron no acto.

A presidenta do grupo de comunicación, El Progreso, Blanca García Montenegro, que exerceu de mestra de cerimonias, puxo de manifesto durante o seu discurso que se trata de ofrecer "unha expresión para a concienciación na solidariedade e para a chamada ao optimismo e á esperanza". "Pretendemos contribuír a unha maior sensibilización da sociedade de face ao apoio efectivo á investigación, desde os orzamentos públicos e a iniciativa privada", dixo e apuntou que dita sensibilización "é máis necesaria en épocas de crises, para que ningún proxecto investigador serio quede esquecido por falta de recursos".

A presidenta da Asociación Española contra o Cancro (AECC) en Lugo, Concepción de Martín Varela, explicou que o lazo rosa non é máis que "un símbolo" para que as mulleres "non baixen a garda" e "nunca se esquezan de que teñen que facerse as mamografías", porque un dos factores fundamentais na loita contra o cancro é "a prevención".

"O que podemos dicir, como esperanza, é que hoxe o cancro de mama cúrase, sáese, pero é necesario facer prevención. é a mensaxe que queremos lanzar no día de hoxe. Que non se pode baixar a garda", insistiu a presidenta da AECC en Lugo, porque o medicamento "cada vez avanza máis e cada vez mórrense menos mulleres por mor desta enfermidade".

Comentarios