Un día máis

OS medios de comunicación poderían ter un espazo dedicado en exclusiva a recoller os vaticinios dos encargados de lle meter medo á xente e organizalo por seccións de acordo coa natureza do agoiro e o seu grao de alarmismo. Mesmo, e segundo interesase asustar máis ou menos, procurarlle en cada momento o lugar e a decoración que mellor se prestase para lograr o efecto desexado: páxina, tipografía, imaxes de reforzo, ton de voz, expresión facial, cores de fondo..., de maneira que os receptores da mensaxe foramos axeitando o espírito ao que se nos ía anunciar e puidésemos escoller entre continuar interesándonos polos detalles do aviso ou tomar a decisión de mudar de páxina, cadea ou sección e seguir coa nosa ignorancia ao respecto.

Certo que sempre haberá alguén na cola da caixa do supermercado, no banco do xardín onde paras unha miga para coller folgo, no mostrador do café onde tomas o cortado ou en calquera ascensor no que montes que pretenda saber o que ti opinas sobre o que fulano dixo na tele ou escribiu no xornal ademais se interesar polo concepto que esa persoa che merece, o que volve abrir dúas vías para a escolla: a de alegar descoñecemento total do tema e matar aí o conto ou a de expoñer, como un servidor fai de cando en vez, a teoría do ‘sacamanteigas mediático’, ese individuo que, ás veces por convencemento propio e outras por incentivo económico, político ou de obriga adquirida, actúa de cara á opinión pública cumprindo a misión que antigamente se lle encomendaba ao imaxinario sacaúntos para lograr que os cativos se afastasen de determinados perigos e que no caso del -ou dela- consiste en pintar o futuro próximo coas cores máis intimidatorias do espectro, engruñándoche o alento até o punto de que cando o seu xefe decida ceibar a mala noticia mesmo chegues a crer que a cousa é menos do que pensabas e cales a boca por moito que macen en ti e sexan eles os que lle poñan prezo á árnica que precisas mercar. Están sempre aí dispostos para amedrentar e imaxino que encantados de que onte comezase o ano 2012, que é bisesto e xa se sabe que «ano bisesto, ano sen xeito», convencidos de que con iso doerémonos menos das mancaduras que se nos fagan.

Pois ben, como xa sabemos que o mes febreiro ten un día máis, recibamos o ano que onte comezou coa forza precisa para nos arrepoñer con dignidade a refráns e supostos maleficios e conquistar a cota de felicidade á que cada un temos dereito. Saúde e moita sorte.

Comentarios