Un camión bañeira envorca en Cerceda e deixa ao condutor atrapado contra o volante

O ferido, consciente en todo momento, necesitou da axuda dos bombeiros do parque comarcal de Ordes e foi atendido polos técnicos sanitarios para ser posteriormente trasladado ao Chuac en helicóptero

O condutor circulaba co seu camión bañeira pola estrada que une Cerceda con Santa Comba, concretamente, polo lugar de Esperón. Por razóns que se descoñecen, o condutor perdeu o control do vehículo, que acabou envorcado sobre o seu lado.

O ferido, consciente en todo momento, estaba atrapado contra o volante e necesitou da axuda dos bombeiros do parque comarcal de Ordes para abandonar o camión e ser atendido polos técnicos sanitarios.

O helicóptero medicalizado con base en Santiago, que tomou terra na mesma estrada, agardaba ao ferido para trasladalo ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

Ademais, os axentes da Garda Civil cortaron o tráfico para facilitar, por unha banda, a aterraxe e despegue da aeronave, e, pola outra, a retirada do camión que, debido ao seu tamaño e peso, necesitará un guindastre especial.

O persoal do CAE 112 Galicia activou o operativo de rescate tras a chamada dun particular ás 14:00 horas deste mércores.

Comentarios