Campillo estará listo o domingo tras descartarse definitivamente unha lesión

Un calendario bipolar

O Lugo afronta un tramo duro de tempada no Ángel Carro, onde xogará con varios favoritos ao ascenso. A domicilio medirase contra equipos que ocupan postos baixos na táboa
Cristian Herrera toca un balón con la cabeza ante el Nástic en el Ángel Carro
photo_camera Cristian Herrera toca un balón con la cabeza ante el Nástic en el Ángel Carro

Manter o nivel á beira do Miño para asegurar a súa presenza na parte nobre da táboa. Ese debe ser o reto do Lugo ante un calendario bipolar, que combinará rivais da zona alta no Ángel Carro con opoñentes que loitan pola mera supervivencia en Segunda División lonxe da casa. Ata o inicio da segunda volta, o conxunto branquivermello estará obrigado a unha dobre vida, máis complexa no seu propio feudo e máis alcanzable cando colla o avión para viaxar.

O cadro dirixido por Francisco Rodríguez converteuse nun dos equipos máis fiables no seu propio estadio. O colíder da categoría de prata só perdeu un duelo no seu campo, ante o Cádiz na xornada 3 (0-1). Desde aquel fatídico penalti anotado por Barral que lle deu o triunfo aos gaditanos, o Lugo non cedeu nin un só punto aos seus rivais. Suma catro triunfos seguidos. Só o Granada ten un refacho igual, xa que asina doce puntos dos últimos doce posibles nos Cármenes. O club lucense é, xunto ao Spórting, o menos goleado con só dous tantos en contra.

Na casa terá que enfrontarse a equipos que renderon na parte alta ata o momento. O primeiro será o Numancia este domingo (18.00 horas). O conxunto soriano é o actual sexto da táboa e mantívose nas posicións punteiras desde o comezo da campaña.

O seguinte encontro no Ángel Carro será ante o Osasuna, un recentemente descendido de Primeira División e que xa foi líder da categoría de prata. O cadro navarro ocupa a cuarta posición.

Tras os de Pamplona, o seguinte rival na casa é a Cultural Leonesa, un duelo especial polo retorno do que fora gran capitán do club, Manuel Rodríguez Morgade Manu. A pesar de que o conxunto da capital castelá comezou cun bo rendemento na tempada, nas últimas xornadas deu un baixón e é décimo cuarta.

O último partido da primeira volta no Ángel Carro será fronte ao histórico Raio Vallecano, que é sétimo, a un punto dos postos de play off de ascenso. Se o calendario é costa arriba en canto aos duelos domésticos, lonxe de Lugo os contrarios perden pedigrí.

Tres dos catros próximos adversarios a domicilio están na actualidade en zona de descenso. Dentro de dúas semanas o Lugo xogará ante o Lorca, que é decimonoveno con 12 puntos, 11 menos que o Lugo. Tras xogar en terreo murciano, o seguinte desprazamento lucense será a Sevilla, onde disputará o partido correspondente á xornada 17 fronte ao actual pechacancelas de Segunda.

O Huesca é a única pedra de toque, xa que os branquivermellos xogarán no Alcoraz ante un club que é segundo cos mesmos 23 puntos que os de Francisco. Almería -situado no vixésimo lugar- pechará a primeira volta, mentres que iniciará a segunda ante o Reus en Cataluña.

Comentarios