Un belén ''multicultural'' gana o certame de decoración de Paradela

Figuras del nacimiento, elaboradas con huevos y cajas (Foto: EP)
photo_camera Figuras del nacimiento, elaboradas con huevos y cajas (Foto: EP)

Milagres López Díaz, veciña de Vilar de Aldixe, na parroquia de Vilaragunte, proclamouse gañadora do certame de decoración do Nadal organizado polo Concello de Paradela, cun belén «multicultural» realizado con materiais reciclaxes.

A moza, quen se fixo co primeiro premio do concurso por segundo ano consecutivo, deseñou un nacemento que pode visitarse ata o próximo día 9 de 10.00 a 18.00 horas na capela de Vilar de Aldixe. As figuras do belén están elaboradas con ovos de galiña e paspallás, ademais de teas, mentres que as vivendas realizounas con caixas pintadas.

O Nacemento está acompañado dun mapa do mundo con figuras de persoas, animais e construcións «representativas de cada continente». A decoración, que ocupa parte da capela, inclúe un collage de fotografías de persoas de diversos países do mundo sacadas da prensa. Todo iso está acompañado do slogan «todos somos fillos da terra».

No exterior da capela tamén colocou adornos elaborados con botellas de plástico, cápsulas de café e piñas pintadas «semellando luces de Nadal».

«Quería representar a unión de todas as civilizacións nestes momentos de crise, con conflitos bélicos e crise social e económica», explicou Milagres López, quen recibiu como premio 600 euros.

Camiño

A moza, que traballou un mes nesta decoración, asegurou estar «sorprendida» ao ser galardoada por segundo ano, aínda que noutra edición xa recibiu un terceiro premio. «Non contaba levalo outra vez. No Nadal do 2010 fora un éxito, pero o belén era máis novidoso ó estar relacionado co Camiño de Santiago e ser ano santo. Os veciños xa preguntábanme que ía facer este ano e dicíanme que o querían visitar», apuntou.

A paradelense pensa en presentarse ao concurso de decoración do Nadal do próximo ano e confesa xa ter algunhas ideas.

O xurado deixou deserto o segundo premio, mentres que o terceiro foi para Cristina López López por unha decoración realizada en Paradela e que lle fixo ser galardoada con 200 euros. Éste foi o cuarto ano no que o Concello convoca o concurso, co fin de que os veciños decoren con motivos do Nadal espazos públicos e privados do municipio.

Comentarios