Todas as pescudas seguen pasando polo teléfono móbil

Un ano tras a sombra da desaparecida Diana Quer

Cúmprese o primeiro aniversario da misteriosa e mediática desaparición da moza madrileña na Pobra do Caramiñal ► O caso está arquivado provisionalmente nos xulgados, pero os investigadores da Garda Civil non descansan na procura

A noite deste 21 de agosto, A Pobra do Caramiñal será un pobo en festas, inmerso no peche das celebracións en honra da Virxe do Carme doss Pincheiros. A música da verbena fundirase coa algarabía procedente da feira, co estalido os fogos artificiais. Con todo, hai unha sombra que marcará inevitablemente o transcurso dos festexos. Pode manifestarse nun consello extra de precaución antes de saír de casa, nunha mensaxe para comprobar que todo segue en orde, nunha maior atención sobre á hora á que regresa a casa a nena, nun recordatorio de quen se cruzaron coa desaparecida neste lugar a esta mesma hora, nunha alusión envelenada de humor negro, tamén inevitable.

Na noite do 21 ao 22 de agosto cúmprese un ano da desaparición de Diana Quer na Pobra do Caramiñal. Desde que se lle perdeu a pista cando dixo marchar para a casa sobre as 02.30 horas non se volveron a ter noticias do seu paradoiro, máis aló de que a xeolocalización do seu smartphone describe un traxecto que vai parar á ponte da AG-11, a cuxos pés se recuperou o dispositivo o pasado outubro, cerca do porto de Taragoña, a uns 15 quilómetros do punto de partida e moi deteriorado pola acción da auga e o sal.

O recente desbloqueo do teléfono móbil de Diana non fixo que, polo momento, transcendan avances no labor policial


O iPhone 6 de Diana é a única pista material confirmada polos investigadores acerca do ocorrido. O seu recente desbloqueo abriu unha nova porta á esperanza da que, por agora, non transcendeu froito algún, á parte da práctica de nova batida en Ribeira que provocou certos rozamentos entre Policía Nacional e Benemérita por cuestións de autoridade.

Sen corpo, sen testemuñas, sen sospeitoso. Xudicialmente, a causa da desaparición da moza madrileña, que tiña 18 anos no momento dos feitos, atópase sobreseída provisionalmente por orde do titular do xulgado de instrución número un de Ribeira, Félix Isaac Alonso Peláez, baixo o argumento de que non existen indicios para dirixir o caso fronte a algunha persoa determinada e co obxectivo de non dilatar os prazos de investigación.

No entanto, non é un asunto que se dea por pechado. As pescudas seguen o seu laborioso curso e calquera novo dato pode reactivar o proceso penal. Fontes da Garda Civil reiteraron a AGN que nunca se deu o caso por perdido e que se continúa traballando no seu esclarecemento con todos os medios posibles. Pero non hai novidades. Unha das cuestións nas que insistiron os axentes durante os primeiros meses é que, pola súa complexidade, os casos de desaparición manexan uns tempos difíciles de conciliar coa sociedade da inmediatez, marcada polo consumo urxente e constante de novos estímulos. O venres cumpríronse sete anos desde que Sonia Iglesias falta en Pontevedra. O seu caso arquivouse en 2015, aínda que se segue investigando. Centos de persoas manifestáronse para que a súa ausencia non caia no esquecemento. Hoxe, Diana López Pinel, a nai de Diana, aínda conserva intactas as esperanzas de volver abrazar á súa filla.

Comentarios