TVE aposta polo baloncesto

Televisión Española acordou coa Federación Española de Baloncesto (FEB) a cesión dos dereitos de retransmisión das súas competicións máis importantes ata 2014, segundo un comunicado difundido por RTVE.
 
Entre estes atópanse os partidos das seleccións absolutas masculina e feminina, a liga Adecco Oro, a liga e a Copa femininas e campionatos de canteira que se verán, en aberto e de xeito gratuíto, en TVE e na web, así como as aplicacións móbiles de RTVE.es .
 
O acordo inclúe tamén a emisión de toda a xira preolímpica que disputará a selección masculina durante o próximo mes de xullo e que producirá TVE.
 
A cadea pública ofrecerá en directo os oito encontros que a actual campioa de Europa xogará ante varios conxuntos, como Francia, Arxentina e o duelo en Barcelona con Estados Unidos, que pechará a preparación para os Xogos Olímpicos de Londres.
 
O 9 de xullo verase o España-Gran Bretaña (Valladolid), o día 10 de xullo, España-Francia (Madrid); 13 de xullo, España-Tunisia (A Coruña); 15 de xullo, Francia-España (París); 18 de xullo, España-Australia (Málaga); 19 de xullo, España-Australia (Granada); 21 de xullo, España-Arxentina (sede por confirmar); 22 de xullo, Estados Unidos-Arxentina (Barcelona) e 24 de xullo, España-Estados Unidos (Barcelona).
 
O broche de ouro á xira preolímpica homenaxeará no Palau Sant Jordi ao "primeiro Dream Team" que se coroou fai 20 anos en Barcelona' 92.
 
TVE deterase neste aniversario cunha serie de 12 pezas sobre a visita a España hai dúas décadas de Jordan, Magic Johnson, Larry Bird, Barkley, Pippen, Malone, Ewing e Robinson, entre outros.
 
Tras os Xogos Olímpicos de Londres, TVE seguirá acompañando á selección masculina nos seus seguintes compromisos, asegurando para o verán de 2013 a emisión de entre sete e nove partidos preparatorios do Eurobasket de Eslovenia 2013.
 
TVE tamén ofrecerá a gala anual de presentación da selección masculina.
 
Doutra banda, a cadea pública emitirá os oito partidos do preeuropeo que disputarán a selección feminina do equipo absoluto entre o 13 de xuño e o 11 de xullo.
 
En caso de clasificación para o torneo continental, TVE tamén será a televisión do combinado feminino nos encontros que dispute no verán de 2013 para preparar o citado Eurobasket.
 
Durante a campaña 2012-2013 e 2013-2014 ofrecerá polo menos un partido semanal da máxima competición por clubs, ademais dunha semifinal e a final da Copa da Raíña.
 
Á súa vez, TVE emitirá as dúas próximas tempadas da liga Adecco Oro, con polo menos un partido semanal e a final da Copa do Príncipe.
 
Ademais da segunda categoría do baloncesto masculino, a cadea pública ofrecerá as finais dos campionatos de España Minibasket, cadete e infantil, de 2013 e 2014.
 
Á parte da retransmisión destas competicións, TVE emitirá un programa semanal de media hora que informará o camiño da selección absoluta masculina ao Mundial 2014, así como da actualidade das competicións da Federación Española de Baloncesto.
 
O acordo coa FEB inclúe a emisión de diferentes programas de promoción e fomento do baloncesto: resumos dos principais torneos e actividades da Federación; o Máster Prol Tour 3x3 e o campionato do mundo 3x3 para mozos; a fase final do B3 Universitario; ou a fase final da liga B3 interempresas. 

Comentarios