Triacastela acollerá unhas xornadas en xullo sobre Cova Eirós e o Paleolítico

O curso, organizado por investigadores da USC, contará con expertos a nivel internacional
De Lombera muestra en Triacastela hallazgos de Cova Eirós
photo_camera De Lombera muestra en Triacastela hallazgos de Cova Eirós

A importancia dos achados en Cova Eirós e a súa repercusión no estudo do Paleolítico motivarán a celebración en Triacastela no mes de xullo dunhas xornadas con especialistas de varias universidades españolas e outros países como Estados Unidos, que incluirán unha visita ao xacemento con prazas limitadas.

O curso desenvolverase entre os días 27 e 29 de xullo no colexio público Eduardo Cela Vila de Triacastela, baixo a organización do Grupo de Estudos para a Preshistoria do Noroeste Ibérico-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Santiago de Compostela (USC), xunto co Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social.

As conferencias permitirán analizar o papel que xoga en Galicia o xacemento de Cova Eirós no estudo da Prehistoria. Entre outros aspectos, abordarán a transición entre o Paleolítico Medio e o Superior e a comparativa entre os modos de vida dos Neandertales e os Homo Sapiens. Ademais, farán fincapé na arte rupestre das últimas sociedades do Paleolítico, na que se enmarcan polo menos unha parte das pinturas achadas nesta cova.

As xornadas estarán dirixidas polos arqueólogos Ramón Fábregas Valcarce, Xosé Pedro Rodríguez Álvarez e Arturo de Lombera Hermida

Trátase das segundas xornadas sobre o Paleolítico do Noroeste, as cales dan continuidade a un curso de verán da USC celebrado no ano 2010 en Triacastela. Levarán por título De costa a costa: Os territorios paleolíticos entre as beiras cantábrica e atlántica e estarán dirixidas polos arqueólogos Ramón Fábregas Valcarce, Xosé Pedro Rodríguez Álvarez e Arturo de Lombera Hermida.

Segundo explica este último, o evento destacará por reunir a un elenco de relatores "de primeira orde", formado "polos principais especialistas na materia a nivel nacional e internacional".

Entre eles cóntanse investigadores das universidades de Arizona (Estados Unidos), Barcelona, País Vasco, Oviedo, Cantabria, Alcalá de Henares, a USC ou a Fundaçao do Côa, en Portugal. As xornadas están confinanciadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e contan tamén coa colaboración do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra-Courel, do que forma parte o Concello de Triacastela.

A matrícula é gratuíta, aínda que resulta necesario realizar unha preinscrición

Esta actividade, cun mecanismo similar a un curso de verán, diríxese tanto a alumnos universitarios como a profesores de secundaria, investigadores e demais persoas interesadas no coñecemento do Paleolítico. Serán 25 horas lectivas para as cales solicitaron a súa convalidación cun crédito e a homologación como horas de formación de doutoramento pola USC e curso para profesorado non universitario.

PREINSCRIPCIÓN E VISITAS. A matrícula é gratuíta, aínda que resulta necesario realizar unha preinscrición (na páxina www.gepn.eu) dado que existe un límite de 80 prazas. Si será obrigatorio abonar unha taxa de 10 euros para quen desexen participar nunha visita a Cova Eirós, que terá lugar o 29 de xullo e para a cal só hai 40 prazas por razóns de seguridade e conservación da cova, a cal se atopa monitorizada.

Durante ese mesmo día, todas as persoas inscritas nestas xornadas gozarán, ademais, dunha excursión ao Museo Xeolóxico de Quiroga, as adegas do municipio e o pliegue de Campodola.

A celebración desta actividade formativa inclúese no convenio de colaboración coa Xunta que permitirá realizar no mes de agosto unha nova campaña de escavacións en Cova Eirós.

Comentarios