Tres cadetes vilalbeses, campións de España

Roberto Díaz, Carlos Yobanni e Yago López alzáronse coa primeira praza en Murcia
Los tres campeones chairegos, con sus medallas y diplomas
photo_camera Los tres campeones chairegos, con sus medallas y diplomas

O Campionato de España cadete da modalidade de libre olímpica, disputado este pasado fin de semana na localidade de San Javier, en Murcia, deixou un excelente sabor de boca no club chairego. Tres dos seus representantes, Roberto Díaz Orosa, Carlos Yobanni e Yago López Fernández, subíronse todo o máis alto do caixón nas súas respectivas categorías, coroándose como campións de España. Así, Roberto Díaz, que competiu na categoría de 54 quilos, conseguiu o ouro logo de superar na gran final ao madrileño Álvaro Escudeiro, que se tivo que conformar coa segunda posición do podio.

A federación entregou ademais dous bronces, ao navarro Iñaki Arbea e ao balear Francisco José Ramos. Carlos Yobanni fíxose tamén coa medalla máis prezada tras bater a Mario Alonso, representante de Castela e Léon, no combate final. Tamén nesta categoría, de 58 quilos, entregáronse dous bronces a Jeyson Vélez e a Eric Ruiz. Para rematar, o outro vilalbés na pugna polas medallas, Yago López Fernández, na categoría de 100 quilos, non quixo ser menos e, tras superar con solvencia a Zacarías O Alaoui, quedou coa primeira praza da clasificación.

Os bos resultados dos representantes chairegos neste campionato de España trasladáronse tamén ao ranking por equipos, onde o Club de Loitas Olímpicas de Vilalba situouse nunha meritoria terceira posición, só superado polo Club de Loita A Mina, de Cataluña, e o CD Power, de Andalucía. Ademais, a nivel federativo, os ouros conquistados polos tres loitadores de Terra Chá fixeron que Galicia se situase no máis alto de táboa, cun total de 81 puntos. Moi lonxe desta marca, na segunda praza con 55, colocouse a Federación Andaluza e, con tres menos, a Catalá.

Comentarios