Tres rexedores do PP plantan a Gato na reunión para constituír a mancomunidade

Só os alcaldes populares de Guntín, Jesús Carreira Ferreiro, e Portomarín, Juan Serrano, acudiron onte á convocatoria, formulada fai máis dunha semana polo rexedor de Monterroso, o socialista Antonio Gato Soengas, para decidir sobre a constitución dunha mancomunidade de servizos entre os concellos da Ulloa (Monterroso, Palas e Antas), Portomarín, Guntín e Taboada.

Dous dos alcaldes que non acudiron á cita xustificaron a súa ausencia. O de Palas, Pablo Taboada Camoira, atopábase de viaxe e enviou a un dos seus tenentes de alcalde e o de Taboada, Ramiro Moure, telefonou a Gato para dicirlle que non podía acudir porque a reunión coincidía coa presentación no seu municipio da Festa do Caldo de Ósos, unha das máis importantes citas gastronómicas da comarca.

Polo que se refire ao alcalde de Antas, Javier Varela Pérez, tamén do PP, nin se desculpou, nin xustificou a súa ausencia, nin enviou en representación a ningún membro da corporación. Varela xa manifestara desde o principio o seu nulo interese por colaborar cos outros concellos, especialmente co de Monterroso, aínda que, por sorpresa, acudiu á primeira reunión celebrada polos alcaldes a principios de setembro do pasado ano.

Ante a falta de representantes de todos os concellos implicados, Gato, promotor da idea de crear a mancomunidade, decidiu suspender a reunión, que non quedou posposta para outra data e que nin se sabe se se celebrará.

Cautela

Gato Soengas recoñeceu a este xornal que desconvocara a reunión pola ausencia de tres dos seis alcaldes.

«Tiñamos que tomar decisións importantes para iniciar a constitución da mancomunidade, pero, dadas as circunstancias, considerei que non faciamos nada reuníndonos os que estabamos, porque non tiñamos o suficiente cuorum para tomar decisións», sinalou Antonio Gato.

O alcalde monterrosino preferiu non opinar sobre a ausencia, xustificada ou voluntaria, dos rexedores e tampouco sobre a posibilidade de que os papeis para a creación da mancomunidade queden nos caixóns dalgunha mesa para un futuro que se presenta incerto.

Cooperación necesaria

A idea de crear unha mancomunidade de municipios entre A Ulloa e os concellos limítrofes saíu do alcalde de Monterroso. Antonio Gato considera que é preciso unha cooperación entre as entidades municipais para facer fronte aos recortes orzamentarios das administracións do Estado e autonómica que minguaron considerablemente os recursos dos órganos municipais.

Na primeira reunión, no mes de setembro, os alcaldes coincidiron na posibilidade de compartir determinados servizos, como o asesoramento xurídico e urbanístico ou as iluminacións festivas, así como a posible contratación conxunta doutros, como o mantemento das iluminacións públicas, rede de augas e residuais ou subministración eléctrica.

Aínda que, en principio, todos parecían de acordo e recibiron o apoio manifesto do PP, partido que goberna en cinco dos seis municipios, desde setembro os alcaldes non se volveron a reunirse e o plantón de onte fai temer polo futuro do proxecto, que perde fol sen que se adopten decisións definitivas.

Comentarios