Tres emprendedoras abren este venres en Friol un centro de día con 28 prazas

É a primeira instalación asistencial para a terceira idade que funciona no municipio
Las tres jóvenes empresarias, a la puerta del centro de día que se inaugurará este viernes
photo_camera Las tres jóvenes empresarias, a la puerta del centro de día que se inaugurará este viernes

A iniciativa de tres mozas emprendedoras, Noemí Cabado Pereira, Begoña Varela Pardo e Beatriz Redondo Cabarcos, permitirá que Friol conte co primeiro centro de día que se abrirá no municipio. Estas instalacións, que se inaugurarán este venres ás 20.00 horas, teñen capacidade para 28 prazas e as súas promotoras consideran que con este servizo dáse resposta á demanda que, desde tempo atrás, "viñan facendo numerosas familias da zona".

As tres socias, de 29, 36 e 27 anos, respectivamente, contan a pesar da súa mocidade cunha ampla experiencia profesional no ámbito asistencial a maiores. Logo dun tempo traballando xuntas para outra empresa, decidiron emprender o seu propio proxecto en solitario. Elixiron Friol para establecerse porque, ademais de ser o lugar de orixe dunha delas, "neste municipio aínda non había ningunha outra empresa que ofrecese un servizo destas características", explica Beatriz Redondo.

O centro de día A Esmorga, situado no número 70 da friolense Avenida de Santiago, dispón dunhas amplas instalacións de case 200 metros de superficie. Nelas, ofrécese toda unha serie de servizos, como comedor, atención sanitaria, apoio asistencial, acompañamento a centros médicos, orientación a familias, transporte adaptado ou barbería, entre outros.

Desde o novo centro tamén se desenvolverá un programa de estimulación cognitiva, a través de talleres de memoria, orientación, linguaxe ou percepción. Tamén se promoverán outra serie de actividades diarias, dirixidas a estimular a actividade física, as manualidades e hábitos de vida máis saudables entre os usuarios do centro.

Beatriz Redondo explica que a iniciativa levantou "unha gran expectativa", como o demostra o feito de que durante estes días previos á inauguración fosen moitas as familias que acudiron ao centro para informarse dos seus servizos. "De momento estamos moi satisfeitas coa acollida, xa que foi moita xente a que veu a informarse. Estamos convencidas de que a todas esas persoas podemos prestarlles un bo servizo", afirma.

Comentarios