Tres adolescentes declaran en Comisaría por pegarlle a outra nun parque de Lugo

A vítima denunciou que a rodearon e a atacaron

Tres adolescentes lucenses, menores de idade, prestaron declaración en Comisaría hai uns días –en presenza dos seus proxenitores– despois de que outra moza denunciase que a rodearon nun parque da cidade e a atacaron. A nai da vítima explicou aos axentes que a moza estaba nun parque, situado na zona de Paradai, e as outras menores achegáronse a ela e comezaron a insultala. Nun momento dado, unha das mozas propinoulle un bofetón.

A presunta agresora e a vítima estudaran xuntas hai uns anos e ao parecer tiveron problemas entre elas por un presunto caso de acoso escolar. Na actualidade, as mozas estudan en distintos centros, polo que a Policía Nacional considera que non se trata dun caso de mobbing, senón dunha agresión entre adolescentes que constituiría un delito de lesións leves. O suceso xa foi posto en coñecemento da Fiscalía de Menores.

Comentarios